
Concurso de curtametraxes “Alén do mercado”
A Fundación RIA convoca o concurso de curtametraxes “Alén do mercado” para visibilizar e poñer en valor o papel das persoas que traballan nos mercados de abastos de Galicia. A convocatoria formúlase dentro do programa público de actividades no marco da próxima exposición que terá lugar en Casa RIA, a sede da Fundación RIA.
A través deste concurso búscase promover producións que mostren o día a día dunha persoa implicada na xestión dun posto de peixe, de carne ou de produtos de horta nunha praza de abastos. As curtametraxes deberán documentar non só a actividade no mercado, senón tamén fóra del: a relación coas persoas que fornecen os produtos, lonxas, a xestión das súas propias explotacións etc.
Preténdese resaltar a relevancia das producións de proximidade e a estreita conexión que quen traballa nas prazas de abastos manteñen coa súa comunidade e o territorio.
A representación do mercado, como espazo vital na vida cotiá dos praceiros e praceiras, será un elemento esencial que considerar nas propostas, mostrando como esta contorna se converte nun punto de encontro fundamental entre persoas produtoras e consumidoras.
As candidaturas poderán explorar distintos aspectos, tales como os desprazamentos, a xestión do tempo ao longo dun día ou unha semana, a interacción con persoas produtoras e consumidoras, o valor dos alimentos locais, a conciliación entre a vida laboral e familiar etc.
As curtametraxes tratarán sobre un dos seguintes temas:
—“Alén dun posto de peixe”
—“Alén dun posto de carne”
—“Alén dun posto de produtos de horta”
Os mellores vídeos recibirán premios de 1.000€, 300€ e 200€, ademais de ser proxectados na sala expositiva de Casa RIA durante a próxima exposición sobre mercados.
O xurado que valorará as candidaturas está composto por:
—Ana Amado, fotógrafa, arquitecta e artista
—Celeste Chipperfield, directora do programa público de Casa RIA
—Amaia Roldán, comisaria de Cuarto Pexigo
A recepción de candidaturas está aberta ata o 17 de febreiro de 2025 ás 14 h, a través do correo concursos@fundacionria.org e seguindo as indicacións das bases do concurso.