1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

A Fundación MOP (Fundación Marta Ortega Pérez) apoiará economicamente a actividade da Fundación RIA, para impulsar proxectos arquitectónicos e urbanísticos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social do territorio.

Desde a súa creación no ano 2017, a Fundación RIA vén desenvolvendo proxectos nos ámbitos da rehabilitación de centros urbanos; a mobilidade sostible e a mellora do espazo público; a integración de infraestruturas, zonas portuarias e polígonos industriais; a recuperación patrimonial, social e económica de zonas rurais e a planificación de novos equipamentos públicos.

Grazas ao financiamento da Fundación MOP, a Fundación RIA puxo en marcha unha nova liña de acción coa que apoiará a distintas administracións públicas no proceso de análise, deseño, planificación e execución de proxectos. O obxectivo é consolidar en Galicia unha cultura da arquitectura e o deseño fundamentada en criterios de sustentabilidade e de eficiencia e que incremente a calidade dos espazos habitables.

En concreto, están a desenvolverse dúas actuacións principais: asesoramento na convocatoria de concursos públicos e talleres formativos con estudantes de arquitectura e outras disciplinas para o reforzo dos seus papeis máis aló do deseño.

O primeiro concurso, correspondente á creación dun centro social multiusos na aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia (Ourense), celebrarase no verán. Neste mesmo ano, seguiranlle outros dous: un centrado na planificación integral das transformacións urbanas e de mobilidade na Pobra do Caramiñal (A Coruña) e outro no deseño dun novo modelo de parque empresarial en Porto do Son (A Coruña). Todos estes proxectos aspiran a potenciar a identidade propia de cada emprazamento e a servir de exemplo para futuras intervencións noutras localizacións.

Tamén en 2024, celebrarase un taller con estudantes que terá como obxecto de estudo e reflexión os barrios residenciais periféricos de Santiago de Compostela.

Descargables

pdf