Convocatoria de proxectos no Eume
RIA impulsa, co apoio da Fundación MOP, unha convocatoria de proxectos orientados á acción que contribúan á conservación, o desenvolvemento local e a xestión sostible do Parque Natural das Fragas do Eume e a súa contorna. As candidaturas seleccionadas poderán recibir acompañamento técnico, apoio económico e soporte á comunicación.
Dende 2025, RIA desenvolve nas Fragas do Eume un proceso de planificación estratéxica e diálogo co obxectivo de contribuír á conservación activa do parque natural e a fortalecer a súa relación coa comarca. Traballando da man de administracións, axentes locais, sector produtivo e comunidade científica, o proxecto busca construír puntos de consenso que permitan definir accións piloto orientadas ao desenvolvemento sostible.
No marco deste proceso, esta convocatoria busca facilitar a posta en marcha ou desenvolvemento de proxectos orientados á acción e con capacidade para xerar un impacto positivo, sostible e duradeiro na contorna das Fragas do Eume, incluíndo os concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.
Poderán optar á convocatoria persoas físicas, empresas, cooperativas, fundacións, asociacións e grupos de desenvolvemento local (incluídos os GDR e os GALP), comunidades de montes, centros educativos e formativos, universidades e centros tecnolóxicos e centros de investigación e administracións públicas. Tamén poderán optar agrupacións constituídas por distintas entidades das tipoloxías citadas.
As propostas deberán adscribirse a unha ou varias das seguintes tipoloxías: arquitectura e mobilidade; actividade económica e produción; divulgación, educación e participación; ou proxectos de outra tipoloxía que encaixen de xeito claro cos obxectivos da convocatoria.
Outorgaranse tres modalidades de apoio, para as que se establece unha duración estimada de entre tres e seis meses:
– Apoio técnico, cun acompañamento personalizado para facilitar ao desenvolvemento do proxecto e a exploración de novas vías de financiamento.
– Apoio á comunicación, orientado á mellora da difusión e visibilidade mediante a elaboración de contidos, materiais audiovisuais e relación con medios de comunicación.
– Apoio económico, cun orzamento total de 15.000 euros destinados a apoiar un máximo de cinco iniciativas. Cada proxecto recibirá un mínimo de 3.000 euros.
As candidaturas serán avaliadas por un xurado integrado por Lucía Escrigas Rodríguez e Manuel Rodríguez López, da Fundación RIA; Cristina García Fontán, doutora en arquitectura, docente na ETSAC e membro da AGAU; Quico Ónega, investigador do LaboraTe da USC; e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega.
As candidaturas poderán presentarse ata o día 15 de outubro de 2026 ás 14:00 h e deberán remitirse en formato dixital, a través do seguinte formulario, xunto cos documentos indicados nas bases. Ata o 8 de outubro poderán formularse consultas a través do correo consultas@fundacionria.org, indicando no asunto «Convocatoria proxectos Eume».