
A Panda da Dá elixe o seu proxecto de futuro
Finsa anuncia a resolución do concurso de arquitectura para rehabilitar o predio de 410 hectáreas, resultando gañador o equipo formado por Atelier Ander Bados, Estudio Copla, Bamba Studio, TO e Senén Rivero.
Finsa anuncia hoxe a resolución do concurso de arquitectura para A Panda da Dá, promovido coa colaboración da Fundación RIA e co obxectivo de consolidar este predio de 410 ha nun espazo de oportunidades para o sector forestal.
O equipo gañador, formado por Atelier Ander Bados, Estudio Copla, Bamba Studio, TO e Senén Rivero, foi escollido por unanimidade entre as cinco propostas finalistas.
Baixo o lema «O bosque da festa», a proposta gañadora articula o patrimonio existente cunha visión contemporánea e sensible dos usos produtivos e sociais da contorna. O xurado —composto por Aurora Armental (Estar estudio), Graça Correia (Correia Ragazzi) e Carme Pinós (Estudio Carme Pinós), xunto con representantes de Finsa— recoñece especialmente a coherencia arquitectónica, a precisión técnica e a capacidade para crear espazos diversos e abertos á evolución.
O concurso foi convocado en novembro de 2024 e na primeira fase recibiu 54 candidaturas, das cales cinco foron seleccionadas para desenvolver propostas a nivel de anteproxecto.
Como resultado deste proceso, o equipo gañador recibirá un premio de 20.000 € e a adxudicación do contrato para o desenvolvemento do proxecto. Os outros catro finalistas —Arrokabe Arquitectos; Brandão Costa Arquitectos; João Mendes Ribeiro + Luísa Bebiano; e Colab + Assemble— recibirán un premio de 5.000 € en recoñecemento ao seu traballo.
A Fundación RIA colaborou neste proceso elaborando os estudos previos que permitiron configurar un novo programa funcional para o predio, así como dando apoio a Finsa no enfoque, desenvolvemento e comunicación do concurso. Casa RIA, sede da fundación en Santiago de Compostela, acollerá a partir do 28 de maio unha mostra aberta ao público que recollerá os proxectos finalistas e o potencial da Panda da Dá como espazo de conexión entre o sector forestal, a industria e o deseño.