1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

A Pobra define o futuro da súa fronte marítima

20 Febreiro 2026

O proxecto «Beiras da Caramiña», do equipo formado por María Fandiño e LandLab, obtivo a máxima puntuación no concurso impulsado polo Concello coa colaboración de RIA, COAG e Fundación MOP.

O Concello anunciou esta semana o resultado do concurso de arquitectura para a planificación da fronte marítima da Pobra do Caramiñal, impulsado en xuño de 2025.

A proposta gañadora, presentada polo equipo formado por María Fandiño e LandLab, formula unha intervención delicada e mesurada, cunha clara viabilidade técnica, apostando por conservar a identidade da vila sen renunciar á potencia transformadora da actuación.

O xurado, presidido polo alcalde da Pobra e integrado por Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos), Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos), Ana Fernández (Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia), o arquitecto municipal, Carlos Bóveda; e con Adrián Juan Márquez Caramés como secretario do xurado; outorgou á proposta a máxima puntuación de entre as 15 candidaturas recibidas.

O equipo gañador recibirá un premio de 20.000 € a conta da adxudicación do contrato para a redacción do Plan Director. Os equipos finalistas —Javier Rocamonde e Rodríguez + Pintos arquitectos— recibirán premios de 8.000 € e 5.000 € respectivamente, en recoñecemento ao seu traballo.

Neste proceso, a Fundación RIA coordinou a convocatoria, prestou apoio técnico e participou na comunicación pública. Ademais, foi a entidade responsable de elaborar o documento base do concurso, a partir do traballo iniciado en 2018 en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para analizar a integración da estrada AC-305 nos núcleos urbanos da comarca.

Un concurso de arquitectura marcará o futuro da fachada marítima da Pobra do Caramiñal

A Fundación RIA, en colaboración coa AXI, desenvolverá dous actos participativos sobre a estrada AC-305 ao seu paso por Escarabote e Coroso