A residencia artística de Common Grounds finaliza o seu paso por Bulgaria
As tres artistas seleccionadas –Virgile Haëck, Andrea Popyordanova e Mar Ramón Soriano– traballaron durante tres meses arredor das problemáticas ecolóxicas e patrimoniais de Stochna Gara, en Sofia.
A última parada da residencia de Common Grounds, tras as estancias en Marsella e Galicia, tivo como epicentro a antiga estación de ferrocarril de Stochna Gara, actualmente abandonada, cuxo pasado industrial afectou a saúde do solo supoñendo na actualidade un reto para o proceso de rehabilitación do espazo.
As problemáticas asociadas ao lugar, situado no centro de Sofia, foron o foco da investigación e produción das tres artistas, que traballaron en contacto con especialistas científicas e comunidades locais.
Como peche da residencia, celebrouse unha xornada na que presentaron unha serie de intervencións artísticas nos terreos que rodean a antiga estación. Ademais, a xornada final contou coa participación de representantes da Fundación Montescola e do grupo de investigación Uxafores-USC, que compartiron a súa experiencia en restauración ecolóxica e análise de solos.
Common Grounds é unha iniciativa de La Citadelle de Marseille, Gradoscope e Fundación RIA, cofinanciada pola Unión Europea e Fundación Carasso.
A residencia artística de Common Grounds chega a Galicia