
Carballeda de Avia resolve o concurso para o centro social de Muimenta
O Concello de Carballeda de Avia resolveu esta semana o concurso para o centro social de Muimenta, convocado a finais de xullo co apoio económico da Fundación MOP e o apoio técnico da Fundación RIA. A proposta gañadora, “Socalcos”, foi seleccionada de entre unha trintena e será a adxudicataria da redacción do proxecto para o novo centro social da aldea.
Neste proceso, RIA participou no deseño dun programa funcional que permita a rehabilitación e transformación dunha ruína e o seu predio en Muimenta, baseándose nunha análise rigorosa das necesidades, a contorna e os axentes implicados.
O programa de usos deseñouse para establecer este novo equipamento como referente social –non só para a aldea, senón todo o municipio– con dous obxectivos principais: fomentar a relación social entre unha poboación envellecida e servir de punto de encontro e acompañamento para o proceso de rexeneración e transformación territorial da aldea.
Con esta intención, as bases do concurso dirixiron o deseño do centro social como un espazo flexible, multifuncional, que permita o desenvolvemento de actividades sociais, culturais, recreativas, económicas ou formativas, fomentando as relacións interxeracionais da comunidade de Muimenta, tanto a existente como cos novos habitantes.
O xurado, composto por representantes do Concello de Carballeda de Avia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, valorou especialmente o coidado co que a proposta gañadora integra os elementos preexistentes do emprazamento, “poñendo en valor o relevante de maneira sinxela”.
O proxecto seleccionado, titulado “Socalcos”, foi destacado pola súa capacidade para conservar as características do terreo, evitando alteracións significativas e mantendo un forte vínculo coa topografía natural da parcela.
Consulta toda a información sobre o concurso na Plataforma de Contratación del Sector Público e no documento base, elaborado pola Fundación RIA.
As tres propostas gañadoras recibirán premios económicos de 8.000€, 6.000€ e 4.000€.

Ponse en marcha o primeiro concurso no marco do convenio entre RIA e a Fundación MOP, para deseñar un centro social en Muimenta

Convenio de colaboración entre a Fundación Marta Ortega Pérez e a Fundación RIA

Concurso de arquitectura para a recuperación da finca e pazo de Lourizán en Pontevedra
