Casa RIA celebra o seu segundo aniversario
Casa RIA celebra o seu segundo aniversario cun encontro que reuniu amizades, entidades colaboradoras e institucións que, ao longo destes dous anos, contribuíron a impulsar a actividade da Fundación RIA.
A xornada comezou cun acto institucional no xardín de Casa RIA, facendo balance do camiño percorrido desde a súa apertura. Participaron David Chipperfield, presidente da Fundación RIA; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Julio Abalde Alonso, subdelegado do Goberno na Coruña; e José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración. Durante as intervencións repasouse a actividade desenvolvida ao longo do último ano, no que Casa RIA acolleu catro mostras abertas, unha trintena de actividades públicas e máis de 5.000 visitantes. O acto serviu tamén para compartir a evolución da Fundación RIA, coincidindo coa proximidade do seu décimo aniversario.
Tras o acto institucional, a celebración continuou no xardín da casa cun encontro informal organizado como mostra de agradecemento a todas as persoas, institucións e entidades que forman parte da comunidade de Casa RIA e que contribúen a consolidala como un espazo de investigación, diálogo e colaboración arredor do territorio.