1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

A convocatoria de proxectos no Eume pecha con 44 candidaturas

16 Outubro 2026

A convocatoria impulsada pola Fundación RIA co apoio da Fundación MOP pechou con 44 candidaturas, unha resposta que amosa o potencial do Eume para activar iniciativas vinculadas á conservación do territorio e ao desenvolvemento local. Os proxectos seleccionados coñeceranse a mediados de novembro e recibirán acompañamento técnico, apoio á comunicación e financiamento.

A convocatoria de apoio a proxectos no Eume pechou o 15 de outubro o prazo de presentación de candidaturas. As 44 propostas recibidas poñen de manifesto a vontade de activar os recursos da comarca e a importancia de ofrecer acompañamento para facilitar o seu desenvolvemento.

A iniciativa busca apoiar proxectos con aplicación concreta e capacidade para producir un impacto positivo e duradeiro no Parque Natural das Fragas do Eume e nos cinco concellos do seu ámbito: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.

O xurado avaliará o impacto territorial, a viabilidade e a contribución á sustentabilidade das propostas, así como a súa capacidade para favorecer a cooperación e crear redes. Está integrado por Lucía Escrigas Rodríguez e Manuel Rodríguez López, da Fundación RIA; Cristina García Fontán, da ETSAC e da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia; Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio da USC; e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega.

O proceso de avaliación incluirá unha primeira selección e entrevistas telemáticas coas candidaturas preseleccionadas. Os resultados coñeceranse a mediados de novembro, cando se planificará o acompañamento, cunha duración estimada de entre tres e seis meses.

As iniciativas seleccionadas recibirán apoio técnico personalizado para concretar actuacións, establecer colaboracións e explorar vías de financiamento, ademais de apoio á comunicación para mellorar a súa visibilidade. A convocatoria conta cunha dotación de 15.000 euros para un máximo de cinco iniciativas, cun mínimo de 3.000 euros por proxecto beneficiario, de acordo coas bases.

Esta acción forma parte do proceso de diálogo e planificación estratéxica que a Fundación RIA desenvolve co apoio da Fundación MOP para contribuír á conservación activa das Fragas do Eume e reforzar a súa relación coa comarca. O proxecto promove unha visión do parque natural como territorio vivo, no que a protección ambiental e a actividade económica local contribúan á mellora da calidade de vida.

RIA impulsará unha convocatoria para apoiar proxectos vinculados ao Eume

O MIT outorga o Leventhal City Prize ao proxecto “A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética”