
A Xunta aproba o proxecto de humanización da travesía de Palmeira
A Xunta aprobou a pasada semana o proxecto de humanización da travesía de Palmeira, no concello de Ribeira, que permitirá integrar o tramo da AC-305 no núcleo e recuperar o seu carácter humano. Esta intervención enmárcase dentro do proxecto “De estrada a rúa”, no que a Fundación RIA leva participando dende 2018 e busca reverter o impacto do tráfico nas nosas vilas e xerar ambientes máis seguros e atractivos.
Despois de recibir o encargo da Axencia Galega de Infraestruturas en 2018, a Fundación RIA desenvolveu un estudo para a integración da autovía AC-305 no centro de Palmeira. Esta infraestrutura viaria percorre o litoral pola marxe norte da ría e, construída dende a lóxica da fluidez do tráfico, provocou o distanciamento das actividades sociais e a degradación do tecido comercial local.
A partir da análise e do traballo de campo realizado, RIA estableceu unha serie de estratexias de actuación dirixidas a reducir a velocidade máxima permitida, priorizando a mobilidade peonil e reforzando as conexións cruzadas. As directrices tamén contemplaban a mellora da accesibilidade e a dotación dunha banda verde na que, acompañando a toda a actuación, alberga elementos de vexetación e mobiliario público.
A elaboración destas primeiras directrices deu paso á licitación do proxecto de execución por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que foi adxudicado en 2021 a Naos e TECYP e aprobado a semana pasada . Esta decisión dá luz verde á licitación das obras, que está previsto que comecen este outono.
O estudo realizado por RIA en 2018 tomando o núcleo de Palmeira como proxecto piloto de rexeneración urbana tamén sentou as bases de estratexias de intervención replicables noutros lugares e mesmo noutros puntos da AC-305.
Por este motivo desde 2020, continuando esta liña de traballo, a Fundación RIA participa nun convenio de colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a realización doutros cinco estudos pola AC-305 nas localidades de Taragoña, Boiro, Escarabote, A Pobra do Caramiñal e Coroso, naquelas zonas onde existe unha maior conflitividade entre o tráfico rodado e o tráfico peonil.

RIA desarrolla dos actos participativos sobre AC-305 en Escarabote y Coroso
