1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Muimenta avanza cara a un modelo pioneiro de coliving rural público

19 Maio 2026

Muimenta inicia unha nova fase no seu proceso de revitalización coa posta en marcha de Muimenta viva, unha iniciativa orientada á activación dos novos equipamentos comunitarios da aldea. A través dunha convocatoria aberta ata o 6 de xuño, búscase seleccionar á persoa dinamizadora que residirá durante seis meses na aldea para promover actividades culturais, sociais e comunitarias vinculadas á estratexia de dinamización territorial impulsada nos últimos anos.

A aldea de Muimenta, no concello de Carballeda de Avia, inicia unha nova fase no seu proceso de revitalización coa posta en marcha de Muimenta viva, unha iniciativa orientada á activación dos novos equipamentos comunitarios da aldea –vivenda pública, cociña comunitaria e centro social– avanzando na consolidación dun modelo público innovador de convivencia, emprendemento e dinamización territorial no rural galego.

O venres 15 de maio lanzouse a convocatoria aberta para seleccionar a persoa encargada da dinamización do proxecto mediante unha estadía na aldea durante seis meses, a comezar no 15 de xuño. O seu labor centrarase na organización de actividades coa comunidade, residencias artísticas e iniciativas culturais e sociais orientadas a activar a vida comunitaria e atraer novas dinámicas produtivas ao territorio.

O proxecto está promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia, e conta coa colaboración de entidades como Sende e Anceu Coliving, responsables da coordinación e dinamización da iniciativa; e a Fundación RIA, responsable do acompañamento técnico durante todo o proceso.

A iniciativa dá continuidade a varios anos de traballo arredor dunha estratexia integral de dinamización territorial en Muimenta, recoñecida recentemente polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana co Premio de La Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública polo seu enfoque innovador na revitalización rural a través da planificación, a arquitectura e a colaboración institucional. As intervencións enmarcadas nesta estratexia e que acollerán esta estadía tamén están a recibir recoñecementos: a rehabilitación da vivenda pública impulsada no proxecto foi distinguida nos Premios Gran de Area do COAG, mentres que o novo centro social de Muimenta, foi seleccionado para os Premios Arquitectura do CSCAE 2026.

Muimenta gaña o Premio de La Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública

O novo centro social reforzará a vida comunitaria en Muimenta