1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Muimenta gaña o Premio de La Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública

11 Maio 2026

A estratexia de dinamización da aldea de Muimenta, impulsada polo Concello de Carballeda de Avia e a Fundación RIA, foi recoñecida polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana polo seu uso da arquitectura, a planificación e a colaboración institucional como ferramentas para a revitalización rural

O Premio de La Casa de la Arquitectura 2026 recoñece un proceso iniciado en 2020 en Muimenta, no concello de Carballeda de Avia, no marco das Aldeas Modelo da Xunta de Galicia. O proxecto formula unha resposta integral a retos como o despoboamento, o abandono da terra, a prevención de incendios e a necesidade de xerar novas oportunidades de vida e actividade económica nas aldeas.

A partir dunha diagnose territorial, do traballo coa veciñanza e da coordinación entre administracións e axentes locais, a Fundación RIA desenvolveu un Plan de dinamización orientado á acción. Ao longo do proceso, o Concello de Carballeda de Avia, a Xunta de Galicia, a Fundación RIA, a Fundación MOP, o COAG, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e distintos equipos técnicos contribuíron a transformar a planificación inicial nun conxunto de intervencións concretas.

A estratexia materializouse nos últimos anos nunha rede de actuacións complementarias. Entre elas destacan a reforma da praza da Festa, a creación dunha cociña comunitaria con comedor asociado, a rehabilitación dunha vivenda para aloxamento público e o novo centro social de Muimenta, concibido como un equipamento flexible para a vida comunitaria, o traballo compartido, o emprendemento e a produción local.

O recoñecemento na categoría de Acción Pública subliña a dimensión institucional do proxecto e a súa capacidade para activar recursos existentes, orientar investimentos e facer da arquitectura unha ferramenta ao servizo do benestar colectivo. Muimenta demostra que a revitalización rural require procesos sostidos no tempo, capaces de integrar políticas públicas, coñecemento técnico, participación comunitaria e novas formas de habitar e traballar no rural.

O novo centro social reforzará a vida comunitaria en Muimenta

Ponse en marcha o proxecto do novo centro social de Muimenta

Carballeda de Avia resolve o concurso para o centro social de Muimenta

Ponse en marcha o primeiro concurso no marco do convenio entre RIA e a Fundación MOP, para deseñar un centro social en Muimenta