Muimenta viva pon en marcha a súa primeira residencia
A aldea celebrou este domingo o inicio de Muimenta viva, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia para activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar na consolidación dun modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial.
A xornada reuniu veciñanza, representantes institucionais e entidades colaboradoras para presentar esta nova etapa do proxecto, centrada na activación dos espazos comunitarios creados nos últimos anos –a vivenda pública, a cociña comunitaria e o novo centro social– e no impulso de actividades capaces de reforzar a vida comunitaria e atraer novas oportunidades ao territorio. No acto participaron Luis Milia, alcalde de Carballeda de Avia; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; e representantes da Fundación RIA, Sende e Anceu Coliving, entidades implicadas no desenvolvemento da iniciativa.
A xornada serviu tamén para presentar publicamente a Lucía Abuchdid, seleccionada na convocatoria lanzada esta primavera para desenvolver unha residencia de dinamización comunitaria na aldea durante os próximos meses. O seu labor centrarase na organización de actividades coa comunidade, residencias artísticas e iniciativas culturais e sociais que contribúan a fortalecer a vida colectiva e a atraer novas dinámicas ao territorio. Esta residencia constitúe o primeiro paso dun programa orientado a explorar novas formas de convivencia, colaboración e emprendemento no rural galego.
Muimenta viva dá continuidade á estratexia de revitalización territorial impulsada na aldea durante os últimos anos, baseada na recuperación do patrimonio construído, a creación de novos equipamentos públicos e a activación social do territorio.
O proxecto busca consolidar Muimenta como un referente de innovación social e territorial, experimentando co potencial dun futuro modelo de coliving rural público capaz de favorecer a fixación de poboación, impulsar a convivencia interxeracional e xerar novas oportunidades para habitar e traballar no rural. Esta estratexia foi recoñecida recentemente co Premio de la Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública, destacando o valor de Muimenta como exemplo de revitalización rural a través da planificación, a arquitectura e a colaboración institucional.
Muimenta avanza cara a un modelo pioneiro de coliving rural público
Muimenta gaña o Premio de La Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública