1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

O Foro Territorio Rural Resiliente avanza na definición de propostas de gobernanza territorial

16 Abril 2026

RIA participa no Foro Territorio Rural Resiliente coordinando unha das seis mesas de traballo que están guiando o proceso. As sesións celebradas en Casa RIA permitiron avanzar na definición de propostas de gobernanza territorial que se presentarán o 28 de maio en Santiago.

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia para abordar de maneira conxunta os retos do rural galego. Articulado a través de seis mesas de traballo temáticas, este proceso está a reunir a máis de 120 representantes de administracións públicas, entidades sociais, agrupacións sectoriais e comunidade científica.

RIA coordina unha destas seis liñas de traballo, centrada na gobernanza e na cooperación público-privada-comunidade para a ordenación territorial. Esta mesa ten como obxectivo reflexionar sobre a capacidade organizativa e de acción conxunta de distintos axentes públicos e privados no rural, abordando a situación actual, os mecanismos de colaboración existentes, as súas principais eivas e, especialmente, os camiños para melloralos co fin de avanzar cara a un territorio máis activo e resiliente.

Este proceso de reflexión colectiva culminará nun evento aberto ao público xeral mediante inscrición o 28 de maio en Santiago de Compostela. Na web foroterritoriorural.gal habilitouse un formulario para que calquera persoa poida enviar achegas, ideas ou propostas que amplíen e complementen o proceso.

Esta nova fase, aberta á participación da cidadanía, reforza o carácter colaborativo do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada desde a sociedade civil galega que busca contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión territorial.

Casa RIA acolle unha xornada sobre madeira e territorio no marco de Piñeiros 25

Casa RIA será o escenario das xornadas Cara a unha Axenda Territorial de Galicia. Integración urbana e rural, entre o luns 18 e o xoves 21 de novembro.