O Foro Territorio Rural Resiliente impulsa unha alianza para o futuro do rural galego
O proceso colaborativo do Foro Territorio Rural Resiliente culminou cun encontro na Cidade da Cultura que reuniu a máis de 230 persoas e deu lugar á creación da Alianza para un Territorio Rural Resiliente. Fundación RIA participou na coordinación dunha das mesas de traballo, centrada na gobernanza territorial e na cooperación entre administracións, sector privado e comunidades locais.
Tras tres meses de traballo colectivo, o Foro Territorio Rural Resiliente celebrou o pasado 28 de maio na Cidade da Cultura de Galicia unha xornada de balance e propostas que reuniu a representantes do tecido social, económico, institucional e político galego. Impulsado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o proceso contou coa participación activa de máis de 120 entidades e organizacións.
Fundación RIA coordinou unha das seis mesas temáticas que estruturaron o Foro, dedicada á gobernanza e á cooperación público-privada-comunidade para a ordenación territorial. Os resultados deste traballo foron presentados durante a xornada por Manuel Rodríguez, director da Fundación RIA, e Inés Santé, investigadora de LaboraTe-USC, dentro dun bloque centrado na ordenación e gobernanza do territorio.
As propostas formuladas buscan reforzar a coordinación entre administracións, mellorar os mecanismos de colaboración existentes e promover unha maior capacidade de acción compartida para afrontar os retos territoriais do rural galego.
O principal resultado do proceso foi a presentación da Alianza para un Territorio Rural Resiliente, unha rede aberta de colaboración que aspira a reunir persoas, entidades, administracións e organizacións comprometidas coa ordenación territorial e a xestión activa do espazo agroforestal. A Alianza nace cunha vocación práctica e de continuidade, impulsando grupos de acción e iniciativas concretas que permitan trasladar as propostas elaboradas durante o Foro a actuacións con impacto real sobre o territorio. As persoas e entidades interesadas poden sumarse a esta iniciativa a través da web do Foro Territorio Rural Resiliente.