1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza amosa en Santiago o seu modelo de xestión comunitaria

17 Outubro 2025

Casa RIA acolleu este 16 de outubro unha xornada de presentación dos resultados de seis anos de traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza arredor da xestión sostible do territorio. O acto institucional da mañá reuniu representantes de administracións e universidades, mentres que pola tarde se inaugurou a exposición aberta ao público que poderá visitarse ata xaneiro en Casa RIA.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza presentou en Casa RIA os resultados dunha experiencia pioneira de cooperación territorial que, desde 2020, impulsa a Fundación RIA xunto a universidades, administracións e comunidades de montes veciñais. O acto institucional da mañá contou coa participación de representantes do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ademais das entidades socias do proxecto.

Entre as intervencións destacaron as de David Chipperfield, presidente da Fundación RIA; Lourenzo Fernández Prieto, director científico do CISPAC; Teresa Ágreda, da Fundación Biodiversidad do MITECO; Rosa Ana García, deputada da Deputación da Coruña; e José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia. Todos coincidiron en salientar o Laboratorio como exemplo de cooperación institucional e cidadá para afrontar retos comúns como os incendios. A sesión completouse cunha presentación técnica das principais liñas de traballo a cargo das entidades participantes no proxecto.

Pola tarde, Casa RIA abriu ao público a exposición “Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do território”, que permanecerá aberta ata o 24 de xaneiro de 2026. A mostra reúne paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais que amosan o potencial das comunidades de montes como motor dunha xestión territorial comunitaria e sostible. O programa complétase cun ciclo de conversas, obradoiros e actividades no Barbanza e en Santiago que se desenvolverán nos próximos meses.

O proxecto, recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) entre os máis de 1.000 proxectos subvencionados, conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.