1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

O Laboratorio Ecosocial presenta seis anos de traballo pola xestión sostible do territorio

13 Outubro 2025

Unha exposición en Casa RIA mostra a partir do 16 de outubro os resultados dun proxecto pioneiro de investigación-acción que impulsa a cooperación local como motor de innovación territorial. Dende o 2024, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Casa RIA presenta esta semana unha exposición que recolle os resultados do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto pioneiro de investigación-acción e planificación territorial con seis anos de traballo e que desde o 2024 conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

A exposición inaugúrase este xoves na sede da Fundación RIA, entidade coordinadora do proxecto desde os seus inicios en 2020, amosando o potencial das comunidades de montes para inspirar modelos de xestión sostible e expandibles a propiedades particulares, demostrando que a cooperación e a planificación son ferramentas decisivas para transformar o territorio e fortalecer a resiliencia ante os incendios forestais.

A inauguración este xoves 16 comezará cun cóctel de benvida ás 18 h e estará aberta ao público xeral ata completar aforo. Durante o acto realizarase unha breve presentación e proxectarase o vídeo explicativo do proxecto preparado para a ocasión.

A exposición “Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio” poderá visitarse en Casa RIA desde este xoves 16 de outubro ata o 24 de xaneiro de 2026, con acceso libre de luns a sábado, de 10 a 17 h.

A mostra complétase cunha programación continua de actividades que se estenderán nos próximos meses. En Casa RIA celebraranse conversas e debates abertos ao público, mentres que no Barbanza terán lugar obradoiros, visitas, accións de formación e actividades de voluntariado.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza está coordinado pola Fundación RIA e integrado pola Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela —a través do CISPAC e dos grupos Histagra e Uxafores—, a Universidad Pablo de Olavide, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo.