O MIT outorga o Leventhal City Prize ao proxecto “A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética”
O proxecto, participado por RIA, explora como desenvolver unha transición enerxética ecolóxica e socialmente xusta na cunca do río Eume.
O Leventhal City Prize é un premio entregado polo Massachusetts Institute of Technology que recoñece proxectos altamente innovadores no eido do urbanismo, desenvolvidos en colaboración con administracións públicas.
“A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética” parte dunha investigación realizada por Estar e Luís Díaz Díaz para o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia de 2025, comisariada por Roi Salgueiro Barrio e Manuel Bouzas Barcala baixo o título “Internalities: Architectures for Territorial Equilibrium”.
A iniciativa, liderada por Aurora Armental, Stefano Ciurlo, Luís Díaz Díaz e Roi Salgueiro Barrio, coa colaboración de RIA, comprende a elaboración dun marco territorial para a implantación de enerxías renovábeis e propón tres proxectos piloto para descentralizar a xeración enerxética.
En conxunto, “A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética” avoga por un modelo de planificación territorial orientado a conciliar enerxía, paisaxe e ecoloxía con desenvolvemento económico, procurando fórmulas que poidan ser transferibles a outros territorios en proceso de descarbonización.
O equipo técnico deste proxecto traballará xunto coa Fundación RIA nun papel de mediación e gobernanza territorial, facilitando a coordinación entre administracións, sectores produtivos, comunidades locais e actores ambientais.