O novo centro social reforzará a vida comunitaria en Muimenta
O novo centro social de Muimenta materializa un paso máis na estratexia de revitalización da aldea, impulsada en 2020 polo Concello de Carballeda de Avia e a Fundación RIA, que comezou coa incorporación de Muimenta no programa de aldeas modelo da Xunta de Galicia.
Desde a posta en marcha deste programa estanse a desenvolver distintas actuacións estratéxicas orientadas á recuperación do patrimonio construído, á activación produtiva e á dinamización da vida comunitaria. Xunto a posta en marcha dunha cociña comunitaria, rehabilitacións para vivenda pública e melloras no espazo público, detectouse a necesidade de crear un espazo flexible capaz de acoller reunións veciñais, talleres, actividades de coidados e espazos de traballo compartido que reforcen a vida comunitaria da aldea.
No marco desta estratexia identificouse unha antiga vivenda en estado de ruína, en desuso durante décadas e afectada polos incendios que impactaron este territorio nos últimos anos. A recuperación desta construción existente foi entendida como unha oportunidade para dotar á aldea dun novo equipamento comunitario ao tempo que se rehabilitaba patrimonio construído. Con este obxectivo, e co apoio da Fundación MOP, impulsouse un concurso de arquitectura promovido polo Concello de Carballeda de Avia, coordinado pola Fundación RIA e co apoio administrativo do COAG, orientado a apoiar a pequenas administracións na convocatoria de concursos públicos e a promover unha cultura da arquitectura baseada na calidade e na sustentabilidade.
A proposta gañadora —desenvolvida por Firm Architects, Eduardo Dipre Mazza e Miguel Ángel Díaz González— materialízase agora neste novo centro social, cunha intervención que combina a recuperación dos elementos preexistentes coa incorporación dunha arquitectura contemporánea integrada na contorna e adaptada ás necesidades da comunidade.
Actualmente estase tamén a traballar na integración deste equipamento nun programa piloto de coliving rural que busca atraer novos habitantes e dinamizar a vida local. Da man de outras experiencias explórase a viabilidade dun posible coliving en Muimenta.