O pequeno é grande, nova exposición en Casa RIA
Casa RIA inaugura o xoves 10 de setembro de 2026 «O pequeno é grande. Historia das marmeladas do Barbanza», unha exposición que, partindo do caso das marmeladas de cítricos creadas pola Fundación RIA, aborda cuestións máis amplas relacionadas co futuro da alimentación, o aproveitamento dos recursos locais e a transformación de produtos como estratexia para xerar valor no territorio.
A mediados de 2025, RIA impulsou unha iniciativa para explorar como os cítricos das hortas familiares do Barbanza, un recurso historicamente infrautilizado, podían converterse nunha oportunidade para impulsar novas actividades económicas ligadas ao territorio. Un ano máis tarde, e grazas á colaboración da Asociación Daquídarredor, o proxecto materializouse nunhas marmeladas de laranxa e limón con identidade propia.
Agora, Casa RIA acolle unha exposición que recolle a experiencia deste proxecto para reflexionar sobre o valor da produción alimentaria a pequena escala e o potencial do contexto hortícola galego, caracterizado pola súa agrobiodiversidade.
A través de fotografías, vídeos, textos e cartografías, a mostra presenta as características do territorio galego, analizando a tipoloxía de horta típica de Galicia e as variedades locais de cultivos, á vez que explora estratexias para promover a súa viabilidade económica, como os obradores colaborativos.
A inauguración de «O pequeno é grande» celebrarase en Casa RIA o xoves 10 de setembro, cunha presentación e visita guiada por parte do equipo da fundación e unha degustación de marmeladas. O acceso é libre e gratuíto ata completar aforo.