1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

O proxecto Common Grounds busca artistas para as súas residencias en Galicia, Francia e Bulgaria

5 Maio 2025

Common Grounds, iniciativa europea financiada polo programa Europa Creativa e apoiada pola Fundación Carasso, abre unha convocatoria para a selección de artistas que participarán nas súas residencias de investigación e produción en Galicia, Francia e Bulgaria. Fundación RIA é entidade socia do proxecto, xunto con La Citadelle de Marseille (Francia) e Gradoscope (Bulgaria).

O proxecto, que se desenvolve entre 2024 e 2026, busca explorar novas narrativas sobre o solo e a súa importancia nas sociedades contemporáneas. A través da colaboración entre artistas, investigadoras e comunidades locais, Common Grounds aborda retos ecolóxicos, democráticos e urbanos desde unha perspectiva creativa e interdisciplinar.

A convocatoria está aberta a artistas de distintas disciplinas, incluídas as artes visuais, a arquitectura, a fotografía, as artes escénicas e as artes dixitais.

Seleccionaranse tres artistas para participar conxuntamente en tres residencias de investigación e produción, unha en cada un dos espazos asociados. O programa de residencias ten unha duración de 6 meses, entre agosto de 2025 e maio de 2026:

— Estancia en Marsella (18/8–12/10 de 2025)
— Estancia en Galicia (27/10–21/12 de 2025)
— Estancia en Sofía (marzo a maio de 2026)

As persoas seleccionadas deberán ser residentes en Bulgaria, Francia ou Galicia. Cada participante recibirá unha dotación económica que inclúe honorarios artísticos, gastos de aloxamento, apoio á produción e cobertura dos custos de transporte.

Co obxectivo de facilitar a participación do maior número posible de persoas, Common Grounds ampliou o prazo de envío de candidaturas ata o 25 de maio.

Entrega a túa candidatura en inglés antes da data límite, enviando o teu currículo, porfolio e carta de interese. Toda a documentación da convocatoria pode consultarse aquí.

Descargas

pdf
pdf