1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Ponse en marcha o primeiro concurso no marco do convenio entre RIA e a Fundación MOP, para deseñar un centro social en Muimenta

22 Xullo 2024

O Concello de Carballeda de Avia promove –co apoio económico da Fundación MOP, e o apoio técnico e administrativo da Fundación RIA e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia– un concurso de arquitectura para a planificación e deseño dun centro social na aldea de Muimenta.

Neste proceso, RIA participou no deseño dun programa funcional que permita a rehabilitación e transformación dunha ruína e o seu predio en Muimenta, baseándose nunha análise rigurosa das necesidades, a contorna e os axentes implicados.

Grazas á financiación da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), a Fundación RIA puxo en marcha unha nova liña de acción coa que apoia distintas administracións públicas no proceso de análise, deseño, planificación e execución de proxectos.

Este primeiro concurso de ideas, a nivel de anteproxecto, publicouse o pasado venres 19 de xullo na Plataforma de Contratación do Sector Público, a través dun procedemento aberto e en fase única. As mellores propostas presentadas recibirán premios económicos de 8.000€, 6.000€ e 4.000€. Ademais, o equipo ganador será adxudicatario do contrato ulterior de servicio para a redacción do proxecto básico, de execución e para a dirección de obra. O valor estimado deste contrato é de 31.291,91€.

O programa funcional para este centro social deberá desenvolverse en 166 m2 de superficie interior e 670 m2 de espazos exteriores.

Os equipos interesados en participar, poderán visitar o emprazamento con representantes do Concello de Carballeda de Avia, o COAG e a Fundación RIA o vindeiro mércores 31 de xullo ás 11 dá mañá. Consulta toda a información na convocatoria do Concello de Carballeda de Avia.

A documentación da proposta deberase entregar en formato físico, incluíndo un panel DIN A1 de composición libre e unha memoria USB coa reprodución dixital do mesmo e a memoria escrita de 20 DIN A4 a unha cara.

Máis información sobre o concurso
Plataforma de Contratación
Documento base
Visita ao emprazamento

Convenio de colaboración entre a Fundación Marta Ortega Pérez e a Fundación RIA

Concurso de arquitectura para a recuperación da finca e pazo de Lourizán en Pontevedra