
Ponse en marcha o proxecto do novo centro social de Muimenta
O equipo gañador do concurso reuniuse esta mañá co Concello de Carballeda de Avia e outros axentes locais para poñer en marcha a redacción do proxecto. “Socalcos” é a proposta gañadora do primeiro concurso impulsado pola Fundación RIA co apoio da Fundación MOP.
O equipo gañador do concurso de arquitectura do centro social de Muimenta visitou hoxe Carballeda de Avia para iniciar a redacción do proxecto que transformará unha ruína na aldea modelo de Muimenta nun novo centro social de referencia non só para a aldea, senón para todo o municipio de Carballeda de Avia. Os integrantes do equipo –o arquitecto galego Daniel Magide, xunto a Eduardo Dipre e Miguel Ángel Díaz do estudo bilbaíno Based Architecture– reuníronse hoxe cos representantes do Concello de Carballeda de Avia para coordinar os próximos pasos, así como con outros axentes locais.
A proposta gañadora, titulada “Socalcos”, foi seleccionada a principios de mes, tras participar no concurso de arquitectura impulsado polo Concello de Carballeda de Avia co apoio técnico da Fundación RIA e o respaldo económico da Fundación MOP.
Con esta primeira visita ao emprazamento ponse en marcha a redacción do proxecto que rehabilitará unha ruína e a súa contorna para transformala nun espazo flexible e multifuncional, permitindo cubrir as demandas da poboación existente e de potenciais habitantes da aldea. Para iso, o equipo seguiu as bases da Fundación RIA, que tras unha análise das necesidades, a contorna e os axentes locais, foi a entidade encargada de deseñar un novo programa funcional para o equipamento.
Esta primeira reunión entre os representantes do Concello e o equipo redactor do proxecto tamén puxo o broche final á exposición que durante este mes mostraba no Concello de Carballeda de Avia todas as propostas participantes no concurso de arquitectura. Nos próximos meses, a exposición trasladarase a Casa RIA, onde se poderá visitar no horario de apertura da súa sala expositiva: de luns a sábado de 10 a 17h. Os detalles desta exposición publicaranse nas próximas semanas na páxina e redes sociais da Fundación RIA.
Redes sociais do equipo gañador:
—Daniel Magide
—Based Architecture

Finsa e RIA colaboran para impulsar un concurso de arquitectura en novembro

Carballeda de Avia resolve o concurso para o centro social de Muimenta

Ponse en marcha o primeiro concurso no marco do convenio entre RIA e a Fundación MOP, para deseñar un centro social en Muimenta
