1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Resólvese o concurso de Lourizán que relanzará o complexo como referente do sector forestal

9 Novembro 2024

A UTE composta polos estudios de Carme Pinós e Carles Enrich gañou por unanimidade o concurso de arquitectura para a rehabilitación do complexo de Lourizán e a implementación dun novo programa de usos que consolide a finca como referente do sector forestal.

Desde 2021, por encargo da Xunta de Galicia, a Fundación RIA desenvolveu un estudo pormenorizado das necesidades do predio de Lourizán, no que se incorporaron as demandas das institucións alí presentes e a visión de representantes da cadea forestal en Galicia.

Este estudo das necesidades deu lugar a unha folla de ruta de actuacións prioritarias, que constituíron as bases dun concurso de arquitectura para a rehabilitación do complexo de Lourizán e a implementación dun novo programa de usos que consolide o predio como referente da formación, da investigación, da divulgación forestal e como punto de encontro do sector.

A primeira fase do concurso estivo aberta á presentación de candidaturas por parte de profesionais da arquitectura e o paisaxismo. Dun total de 33 candidaturas recibidas, seleccionáronse a 8 equipos para pasar á segunda fase, en base á súa experiencia profesional e solvencia.

O xurado do concurso avaliou os anteproxectos, outorgou premios ás mellores propostas e seleccionou ao equipo gañador, formado polos estudios de Carme Pinós e Carles Enrich, que será o que desenvolverá o proxecto que se faga realidade. O obxectivo deste proxecto non é só recuperar o valor histórico do pazo, senón tamén transformalo nun modelo de modernidade e ecoloxía acorde aos desafíos contemporáneos.

A rehabilitación do pazo pretende ir máis aló de restaurar o seu esplendor orixinal, mellorando as súas condicións medioambientais a través da creación dun espazo de conexión peonil renaturalizado, que unirá os distintos edificios do ámbito, e dun novo xardín que actuará como un punto de encontro dinámico, fomentando a biodiversidade e promovendo a interacción entre os distintos usuarios.

Coñece máis sobre o traballo de RIA neste proceso aquí e sobre o concurso na páxina de Contratos Públicos de Galicia.

Os proxectos que chegaron á fase final formarán parte dunha exposición aberta ao público en Pontevedra a partir do xoves 14 de novembro.

Ponse en marcha o proxecto do novo centro social de Muimenta

O predio da Panda da Dá consolidarase como un espazo de oportunidades do sector forestal

Carballeda de Avia resolve o concurso para o centro social de Muimenta

Finsa e RIA colaboran para impulsar un concurso de arquitectura en novembro