
RIA abre as inscricións do próximo workshop de estratexia urbana en Santiago de Compostela
RIA convoca un workshop de estudantes de arquitectura ou outras disciplinas e persoas recentemente graduadas en Santiago de Compostela para situar o parque de Belvís como centro da reflexión urbana. O envío de candidaturas estará aberto ata o 16 de xaneiro de 2025, a través do correo workshop@fundacionria.org.
A cidade de Santiago de Compostela debate a miúdo a súa estratexia urbana ao redor da dualidade entre o centro histórico e o ensanche. Como pezas aparentemente autónomas son moitos os retos que presenta esta relación –vivenda, mobilidade, comercio, servizos públicos, turismo etc.– e tamén son diversas as estratexias que se están implementando para abordalos desde diferentes ámbitos.
Nesta reflexión, o parque de Belvís, como territorio agrícola de extramuros, mantivo historicamente un vínculo estreito coa cidade monumental. O desenvolvemento da cidade foi perimetrando este gran espazo verde, canalizando os seus cursos de auga e estreitando progresivamente os seus accesos. Esta condición separouno do seu contexto, pero tamén axudou na conservación daqueles valores que inflúen na calidade ambiental, valores que deben seguir preservándose. Actualmente, nun contexto no que a planificación territorial e urbana sitúa ao medio ambiente no centro, o parque de Belvís toma un papel especialmente relevante desde o que impulsar e fortalecer accións que permitan articular espazos e actividades da cidade en torno á auga e a vexetación.
Que papel pode xogar o parque de Belvís na estratexia urbana da cidade? Pode servir como conector, non só da cidade monumental e o ensanche, senón doutros barrios e servizos públicos? Que servizos e actividades pode albergar sen impactar negativamente na súa calidade e función ambiental? Pode Belvís ser un catalizador que poña no centro das estratexias urbanas á infraestrutura verde e azul?
Neste contexto, a Fundación RIA, en colaboración coa Fundación MOP, organizou un workshop co obxectivo de contribuír positivamente á planificación urbana. O taller proponse traballar desde este espazo verde para abordar que papel debe xogar no futuro da cidade. A intención é reflexionar sobre múltiples cuestións urbanas, sociais, ambientais ou de mobilidade, nas que o parque, situándose no centro da planificación, pode ofrecer respostas.
O exercicio desenvolverase ao redor de tres escalas temáticas clave: a relación entre a cidade histórica e o parque de Belvís; a infraestrutura verde e azul; e as funcións do parque e potenciais futuros.
O grupo de nove participantes organizarase en tres equipos temáticos, desenvolvendo o traballo desde Casa RIA, situada fronte ao propio Parque de Belvís. A proximidade ao contexto local e a interacción con axentes crave da contorna garantirán un coñecemento profundo das condicións do lugar. Isto permitirá formular reflexións e propostas estratéxicas de forma precisa e adaptada ás necesidades do territorio.
A recepción de candidaturas está aberta ata o 16 de xaneiro, mediante o envío de porfolios e CV (máx. 10 páxinas) ao correo electrónico workshop@fundacionria.org.