RIA colaborará co MIVAU na implementación da Agenda Urbana Española
A Fundación RIA e o Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana asinan un protocolo xeral de actuación para impulsar a difusión e o intercambio de coñecemento no marco da Agenda Urbana Española.O acordo permitirá visibilizar experiencias de planificación estratéxica, arquitectura e sustentabilidade territorial, favorecendo a transferencia de boas prácticas entre administracións, profesionais e axentes implicados no desenvolvemento urbano e territorial.
A Fundación RIA e o Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana formalizan un protocolo xeral de actuación orientado a compartir e difundir experiencias que contribúan á implementación da Agenda Urbana Española. A integración da Fundación RIA neste marco recoñece a súa traxectoria como entidade de referencia na planificación estratéxica e na gobernanza territorial, articulada a través de estudos e iniciativas piloto con capacidade de acción e proxección pública.
O protocolo foi subscrito, por parte do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, polo secretario de Estado de Vivenda e Axenda Urbana, David Lucas, e polo secretario xeral de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, Iñaqui Carnicero; e, por parte da Fundación RIA, polo seu presidente, David Chipperfield, e o seu director, Manuel Rodríguez López. Para a Fundación, a sinatura abre unha nova vía de colaboración institucional coa Administración General del Estado para impulsar a experiencias de planificación e gobernanza territorial.
A través desta colaboración, impulsaranse accións de difusión, intercambio de coñecemento e participación en xornadas e encontros vinculados aos obxectivos da Agenda Urbana Española. O protocolo permitirá dar visibilidade a estudos, iniciativas piloto e procesos de planificación promovidos pola Fundación RIA, así como favorecer a transferencia de boas prácticas noutros territorios. Ademais, o acordo abre vías de colaboración en actividades relacionadas coa promoción da arquitectura e o desenvolvemento de políticas públicas orientadas á sustentabilidade territorial.
A participación da Fundación RIA neste marco permitirá achegar a súa experiencia en planificación estratéxica e gobernanza territorial, así como compartir metodoloxías e aprendizaxes con vocación replicable. O acordo reforza así a colaboración institucional para promover políticas públicas orientadas a un desenvolvemento territorial máis sustentable e coordinado.