RIA participa no Acordo Rural, un espazo de encontro para repensar o futuro do territorio
A Fundación RIA participa nas xornadas Acordo Rural. Liderando a transición desde os municipios rurais, celebradas o 28 e 29 de outubro en Ourense. O encontro reúne alcaldes e alcaldesas, especialistas e representantes de entidades públicas e privadas para avanzar cara a unha planificación máis flexible e un compromiso colectivo cos espazos rurais como motor de futuro.
O Acordo Rural, organizado polo Concello de Carballeda de Avia coa colaboración da FEMP, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, reuniu durante dous días a alcaldes, institucións, universidades e proxectos de referencia de España e Europa. O obxectivo é establecer un marco común para abordar os retos do rural de maneira integral: vivenda, actividade económica, mobilidade, territorio e cohesión social.
Lucía Escrigas, arquitecta e membro do equipo da Fundación RIA, formou parte do comité organizador e participou na presentación da experiencia de Muimenta como caso de recuperación de vivenda e reactivación de espazos comúns, así como na moderación da mesa “Un lugar para vivir: vivenda, rehabilitación e ordenación do territorio”. As achegas poñen de manifesto a necesidade de impulsar políticas que favorezan a fixación e atracción de poboación, reforcen as actividades produtivas ligadas ao territorio e promovan novas dinámicas de colaboración entre administracións e comunidades locais.
Durante as xornadas presentáronse diferentes experiencias de Galicia, Portugal, Italia e Aragón, que amosan como os pequenos concellos poden liderar procesos de transición sostible a partir do aproveitamento dos recursos locais e do compromiso da veciñanza. As conclusións coincidiron na importancia de fortalecer as redes de cooperación e de situar o rural no centro das estratexias de desenvolvemento territorial.
O Acordo Rural remata hoxe con sesións de traballo destinadas a formular liñas comúns de acción e a definir medidas e prioridades que poidan integrarse no propio acordo rural. Un proceso que busca reforzar o traballo colectivo entre institucións, entidades e proxectos e avanzar cara a unha visión compartida do rural como espazo de futuro e oportunidade.
A retransmisión das xornadas pode verse na canle oficial da Federación Española de Municipios y Provincias
(FEMP).