1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Un concurso de arquitectura marcará o futuro da fachada marítima da Pobra do Caramiñal

26 Maio 2025

A iniciativa é froito de dous convenios de colaboración, entre o Concello e a Fundación RIA e o consistorio pobrense e o Colexio de Arquitectos de Galicia. A convocatoria, que se anunciará o vindeiro mes, terá un gañador encargado de redactar o plan director para o bordo litoral do municipio, desde unha perspectiva centrada nas persoas, o espazo público e o territorio.

O Concello da Pobra do Caramiñal, a Fundación RIA e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) colaboran para impulsar un concurso de arquitectura que marcará o futuro da fachada marítima do municipio. Este proceso de planificación estratéxica, que guiará a transformación urbana do municipio, actívase grazas á sinatura de dous convenios de colaboración, un entre o Concello e a Fundación RIA e outro entre o Concello e o COAG.

A colaboración entre entidades permitirá lanzar o vindeiro mes un concurso público para a redacción do plan director da fachada marítima, momento a partir do cal se abrirá o prazo para a recepción de candidaturas. Este proceso aspira a crear un novo modelo de relación entre A Pobra e o seu bordo litoral, desde unha perspectiva centrada nas persoas, o espazo público e o territorio.

 

O COAG ofrece respaldo administrativo e metodolóxico á convocatoria. Ademais, presta colaboración técnica ao Concello para a instrumentación e desenvolvemento do concurso, con especial atención ao asesoramento na redacción das súas bases e a súa viabilidade técnica e urbanística. Tamén se encargará de difundir a convocatoria do concurso entre os colexiados e colexiadas do territorio español co fin de conseguir a maior participación posible.

Pola súa parte, RIA traballou da man do Concello na análise, a redacción dos pregos técnicos, no establecemento de condicións e criterios de deseño e na coordinación dos axentes implicados no concurso. A iniciativa, que busca establecer referentes de boas prácticas, conta co apoio da Fundación MOP, que contribúe economicamente ao financiamento dos estudos previos de análise e planificación, así como ao cofinanciamento dos premios do concurso e outros gastos relacionados.