Yale University inicia unha colaboración de tres anos coa Fundación RIA
RIA inicia unha colaboración de tres anos coa Yale University para desenvolver programas académicos vinculados ao territorio galego. Na súa primeira edición, estudantes de arquitectura traballarán durante tres semanas nas Fragas do Eume, combinando investigación aplicada, visitas de campo e encontros coa comunidade local desde Casa RIA.
A Fundación RIA inicia unha colaboración de tres anos coa Yale University, unha das institucións académicas de referencia internacional, para impulsar un ciclo de programas educativos centrados nos retos e oportunidades do territorio galego. A primeira edición desenvolverase durante este mes de xuño e terá como ámbito de traballo o Parque Natural das Fragas do Eume. Durante tres semanas, estudantes de segundo curso de arquitectura participarán nunha estadía académica coordinada pola profesora Ana María Durán e a Fundación RIA, con base en Casa RIA.
O programa intégrase no proceso que a fundación está impulsando nas Fragas do Eume, un espazo natural protexido de máis de 9.000 hectáreas que afronta importantes desafíos de gobernanza e sustentabilidade ambiental, económica e social. A través de sesións de traballo, investigación e visitas de campo, o alumnado analizará cuestións como a protección da biodiversidade, a mobilidade, a gandaría extensiva, a xestión forestal, o turismo, a posta en valor do patrimonio ou o encaixe das enerxías renovables, tomando contacto directo co territorio e cos distintos axentes implicados.
A colaboración permitirá tamén compartir co alumnado os métodos e procesos desenvolvidos pola Fundación RIA no ámbito da planificación estratéxica, a gobernanza e o desenvolvemento territorial. Ademais do acompañamento do equipo da fundación, o programa contará coa participación do arquitecto Manuel Bouzas e doutras persoas expertas nos campos da arquitectura, a paisaxe, a ecoloxía e a planificación territorial, que achegarán perspectivas complementarias sobre os retos da transición ecolóxica e a xestión do territorio.
Esta iniciativa reforza o papel de Casa RIA como espazo de encontro entre universidade, territorio e sociedade, favorecendo o intercambio de coñecemento e a aprendizaxe a través da experiencia directa. Ao mesmo tempo, consolida a aposta da Fundación RIA por conectar institucións académicas internacionais cos desafíos reais do territorio galego, empregando os exercicios académicos como unha ferramenta para explorar novas ideas, ampliar capacidades e contribuír á construción de futuros máis sostibles.
David Chipperfield ingresa na Real Academia de Ciencias cunha chamada ao apoio ás iniciativas locais
O alumnado da UIC inicia os seus proxectos académicos na ría de Arousa
RIA asiste en Zürich ao encontro interuniversitario de NERU–New Ruralities