Finsa e a Fundación RIA colaboran para impulsar un concurso de arquitectura que transformará o predio da Panda da Dá
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024 — Finsa continuará transformando o seu predio da Panda da Dá (As Pontes de García Rodríguez) para consolidala como un espazo de oportunidades para a xestión sustentable do territorio. Co apoio da Fundación RIA, no mes de novembro impulsará un concurso de arquitectura que permitirá rehabilitar as edificacións da Panda da Dá para dar cabida a novas actividades formativas e de investigación, así como servir de soporte a visitas ao predio de entidades relacionadas coa xestión do territorio e a cadea de valor da madeira.
Conexión co sector forestal, a industria e o deseño
Finsa pretende conectar con toda a cadea da industria forestal para a creación e consolidación deste espazo de oportunidades que respecte e poña en valor o patrimonio natural e construído. Clientes, colaboradores, comunidades de montes veciñais e outros axentes chave do sector serán parte fundamental no impulso e desenvolvemento da Panda da Dá.
Tras 30 anos desenvolvendo unha xestión multifuncional neste predio de 410 ha, Finsa quere dar un paso máis para converter A Panda da Dá nun espazo de oportunidades onde mostrar e desenvolver o potencial da xestión sustentable do territorio.
A colaboración coa Fundación RIA
A Fundación RIA, organización sen ánimo de lucro fundada e presidida polo arquitecto británico David Chipperfield, traballou da man de Finsa na análise, o deseño estratéxico e o establecemento de condicións e estándares de calidade. Estes traballos previos sentaron as bases dun concurso de arquitectura que se anunciará no próximo mes, momento a partir do cal se abrirá o prazo para a recepción de candidaturas.