O predio da Panda da Dá consolidarase como un espazo de oportunidades do sector forestal
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024 — Finsa lanzará o próximo mes un concurso de arquitectura organizado co apoio da Fundación RIA, co obxectivo de consolidar A Panda da Dá como un espazo de oportunidades para a xestión sustentable do territorio. Despois de máis de 30 anos desenvolvendo actividades forestais sustentables neste espazo, a compañía madeireira dá un paso adiante para impulsar o predio como un lugar de oportunidades no ámbito forestal.
O predio de 410 ha –localizado na súa maior parte no Concello de As Pontes– foi adquirido por Finsa en 1989. Desde entón, a compañía realiza actividades forestais baseadas nun modelo de xestión pioneiro, que permite aprender e difundir boas prácticas, así como certificar á produción madeireira cos principais selos de sustentabilidade.
Na actualidade, o predio ten como uso principal o aproveitamento madeireiro baseado en plantacións de diferentes especies, a maior parte Pinus radiata, unha especie de gran interese debido á calidade da madeira e as súas aplicacións para distintos usos, na que destaca a construción de vivendas en CLT fabricado en Xilonor coa marca Pino de Galicia. Tamén cómpre destacar a existencia no predio dunha valiosa fraga caducifolia de ribeira, regatos, muíños e un xerador de enerxía hidráulica. Finsa está a desenvolver un proxecto para certificar o predio polo seus servizos ecosistémicos, en colaboración co profesor Adolfo Cordero do departamento de Ecoloxía da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.
O concurso de arquitectura que se convocará en novembro ten como obxectivo potenciar todo este capital da Panda da Dá, rehabilitando as súas edificacións para crear novas oportunidades en ámbitos formativos e de investigación. Ademais, os espazos rehabilitados acollerán visitas de entidades vinculadas á xestión do territorio e á cadea de valor da madeira.
Pódese atopar máis información sobre a colaboración entre RIA e Finsa na anterior nota de prensa (18/10/2024). Nas próximas semanas, ofreceranse máis detalles sobre as características e datas da convocatoria.