1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
gl

Ponse en marcha o proxecto do novo centro social de Muimenta 

 

Carballeda de Avia, 24 de outubro de 2024 — O equipo gañador do concurso de arquitectura do centro social de Muimenta visitou hoxe Carballeda de Avia para iniciar a redacción do proxecto que transformará unha ruína na aldea modelo de Muimenta nun novo centro social de referencia non só para a aldea, senón para todo o municipio de Carballeda de Avia. Os integrantes do equipo –o arquitecto galego Daniel Magide, xunto a Eduardo Dipre e Miguel Ángel Díaz do estudo bilbaíno Based Architecture– reuníronse hoxe cos representantes do Concello de Carballeda de Avia para coordinar os próximos pasos, así como con outros axentes locais.

A proposta gañadora, titulada “Socalcos”, foi seleccionada a principios de mes, tras participar no concurso de arquitectura impulsado polo Concello de Carballeda de Avia co apoio técnico da Fundación RIA e o respaldo económico da Fundación MOP.

Con esta primeira visita ao emprazamento ponse en marcha a redacción do proxecto que rehabilitará unha ruína e a súa contorna para transformala nun espazo flexible e multifuncional, permitindo cubrir as demandas da poboación existente e de potenciais habitantes da aldea. Para iso, o equipo seguiu as bases da Fundación RIA, que tras unha análise das necesidades, a contorna e os axentes locais, foi a entidade encargada de deseñar un novo programa funcional para o equipamento.

Esta primeira reunión entre os representantes do Concello e o equipo redactor do proxecto tamén puxo o broche final á exposición que durante este mes mostraba no Concello de Carballeda de Avia todas as propostas participantes no concurso de arquitectura. Nos próximos meses, a exposición trasladarase a Casa RIA, a sede da Fundación RIA en Santiago de Compostela, onde se poderá visitar no horario de apertura da súa sala expositiva: de luns a sábado de 10 a 17h. Os detalles desta exposición publicaranse nas próximas semanas na páxina e redes sociais da Fundación RIA.

Próximas convocatorias

O concurso do centro social de Muimenta forma parte dunha serie de proxectos impulsados por RIA grazas ao apoio da Fundación Marta Ortega Pérez (Fundación MOP), que contribuíu significativamente ao desenvolvemento dunha nova liña de acción da Fundación RIA. Esta colaboración ten como obxectivo promocionar en Galicia unha cultura arquitectónica baseada na sustentabilidade, a eficiencia e a mellora da calidade dos espazos públicos.

Entre os próximos proxectos enmarcados nesta colaboración inclúense un concurso para a planificación das transformacións urbanas na Pobra do Caramiñal (A Coruña) e outro para o deseño dun novo modelo de parque empresarial en Porto do Son (A Coruña).

Tamén nos próximos meses, celebrarase un taller con estudantes, cuxo obxecto de estudo e reflexión será a cidade de Santiago de Compostela.

 

A nota de prensa e imaxes están dispoñibles para a súa descarga a continuación. Para máis información, poden contactar coa  Fundación RIA a través do 722 413 315 ou o correo electrónico prensa@fundacionria.org

Material de prensa

pdf
pdf
zip
zip