
Un concurso para planificar a fachada marítima da Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal, 23 de xuño de 2025 — O Concello da Pobra do Caramiñal anuncia a convocatoria dun concurso de proxectos para seleccionar a proposta que guíe a redacción dun novo plan director da súa fachada marítima. Este proceso conta coa coordinación técnica da Fundación RIA, o apoio administrativo e legal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o financiamento da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP).
Desde 2024, a Fundación MOP colabora coa Fundación RIA no financiamento de recursos humanos, técnicos e económicos que permiten apoiar a concellos na planificación de proxectos estratéxicos. Poñendo o foco na calidade do espazo público, a reorganización do mercado semanal e a ordenación da mobilidade, o ámbito de actuación deste concurso esténdese desde a Ponte de San Antonio ata a estación de autobuses, e inclúe a zona portuaria, equipamentos públicos, espazos verdes e tramos da estrada AC-305.
O xurado estará presidido polo alcalde da Pobra do Caramiñal e integrado por Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos), Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos), Ana Fernández, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e o arquitecto municipal, Miguel Martínez Castro.
A convocatoria desenvolverase nunha única fase e baixo anonimato. Concederanse tres premios de 20.000 €, 8.000 € e 5.000 €, e a proposta gañadora asumirá a redacción do plan director mediante un contrato valorado en 50.000 €. A publicación oficial realizouse hoxe na Plataforma de Contratación del Sector Público, dando inicio ao prazo de 60 días naturais (25 de agosto ás 13 h, hora peninsular) para a presentación de propostas, conforme ás condicións establecidas nas bases.
Esta información amplíase nos dosieres de prensa descargables a continuación.