«Alimentar un territorio», con Carme Freire e Adrián Gallero
Casa RIA acolle unha conversa entre Carme Freire, da Asociación Darredor e Adrián Gallero, da Fundación Daniel e Nina Carasso, arredor do potencial das pequenas producións de alimentos e de estratexias para garantir a súa sostibilidade.
Esta conversa forma parte do programa público da exposición «O pequeno é grande», que conta co apoio de Casa Grande de Xanceda
Xoves 8 de outubro de 2026, 18:30 h
Reservas en eventos@casaria.org
As pequenas iniciativas alimentarias dependen, en boa medida, da capacidade de establecer relacións e traballar en rede. Compartir infraestruturas, recursos e coñecementos, facilitar o acceso aos mercados ou coordinar diferentes fases da cadea pode abrir novas posibilidades para producir e transformar alimentos a escala local.
Neste contexto, Carme Freire, da Asociación Darredor, e Adrián Gallero, da Fundación Daniel e Nina Carasso, achegarán as súas experiencias arredor da construción de sistemas alimentarios conectados co territorio.
A conversa abordará as condicións necesarias para fortalecer estas redes: a creación de estruturas de colaboración, o acceso a infraestruturas e recursos compartidos, a articulación entre produtores e outros axentes e a construción de modelos de gobernanza capaces de xerar valor e manter actividade económica no territorio.
A experiencia de Daquí Darredor, un proxecto apoiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso a través de KmTierra, permitirá reflexionar tamén sobre o papel das entidades facilitadoras e sobre as posibilidades de conectar iniciativas locais nun mercado alimentario global.