
Carolyn Steel inicia o ciclo de «Encontros de mercado» en Casa RIA
A arquitecta británica Carolyn Steel visita Casa RIA para dar comezo ao ciclo «Encontros de mercado», un programa de encontros internacionais para potenciar o valor das nosas prazas de abastos na cultura gastronómica.
Este ciclo forma parte do programa público «Prazas de abastos», organizado en Casa RIA entre xaneiro e maio de 2025.
Martes 18 de febreiro, 2025
18.30 h — Casa RIA
Evento en inglés
Tradución ao galego dispoñible
Charla – gratuita / Cea – 50€
Inscrición necesaria (link de rexistro)
O martes 18 de febreiro, Casa RIA acolleu á arquitecta e autora británica Carolyn Steel, quen inaugurou o ciclo Encontros de mercado. Este evento promovido pola Fundación RIA ten como obxectivo poñer en valor as prazas de abastos galegas, destacando a súa importancia no contexto da cultura gastronómica local e internacional.
Carolyn Steel, coñecida pola súa obra Sitopia e a súa defensa da soberanía alimentaria, iniciou o ciclo cunha visita ao mercado de Santiago, onde –acompañada polo cociñeiro Iago Pazos– percorreu os postos para descubrir os produtos locais e de tempada que máis tarde formaron parte dun menú especial servido en A Cantina.
A xornada continuou cunha conferencia impartida por Steel na Fundación RIA, onde compartiu as súas reflexións sobre a relación entre a cidade e a comida, ao tempo que salientou a importancia de repensar os sistemas alimentarios para xerar espazos urbanos máis saudables e sostibles.
O broche gastronómico da xornada chegou coa cea co-deseñada entre Carolyn Steel e Iago Pazos, un menú que reflectiu a filosofía de proximidade e tempada. O menú incluíu pratos como unha menestra de inverno, unha pescada fritida de Ribeira e un roastbeef de tenreira galega, acompañados por queixos locais, marmelo e noz. Para rematar, o menú tamén incluíu doces de elaboración propia e unha selección de viños galegos, que reforzaron a conexión co produto local e a tradición gastronómica galega.
Este ciclo de eventos enmárcase na programación especial de Casa RIA arredor do papel dos mercados no territorio, realizada en colaboración coa Xunta de Galicia como parte da súa aposta polo impulso e dinamización das prazas de abastos, incluída no futuro Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025–2030.
Encontros de mercado
Carolyn Steel — 18 febreiro
Ruthie Rogers — 18 de marzo
Restaurante Ama — 25 de marzo
Cociñeiros do barrio — 22 de abril

«Prazas de abastos», a exposición sobre o seu rol social e económico no territorio
