«Celebrar os obxectos cotiáns»: Maite Sebastiá e David Chipperfield en conversa
A xornalista e directora editorial de AD España visita Casa RIA para inaugurar o ciclo «Deseño en conversa». Nesta primeira sesión, David Chipperfield dialogará con Maite Sebastiá arredor dos obxectos que acompañan o acto de comer e da súa relación coa cultura e o territorio.
Este ciclo forma parte do programa público da exposición «Deseño para vivir»
Marzo–xuño, 2026
Reservas en eventos@casaria.org
Evento en inglés
Tradución ao galego dispoñible
A conversa, titulada «Celebrar os obxectos cotiáns», situará o foco nos obxectos vinculados á comida e á cociña, abordando o deseño como un elemento clave na creación de experiencias compartidas.
O encontro convidará a reflexionar sobre os espazos nos que se desenvolven estas prácticas e sobre os obxectos que acompañan o acto de comer, atendendo á súa dimensión funcional, simbólica e cultural. A sesión estará conducida por Maite Sebastiá, directora editorial de AD España, quen dialogará con David Chipperfield nunha conversa aberta arredor dos obxectos que nos rodean e da súa relación co territorio, a proximidade e a cultura gastronómica.
«Deseño en conversa» é un ciclo de catro encontros no marco do programa público da exposición actual en Casa RIA, concibido como un espazo de diálogo arredor do papel do deseño na vida cotiá.
Tras Maite Sebastiá, será a quenda de Tim Marlow, Edward Barber e Alice Rawsthorn, que conversarán con David Chipperfield nas tres seguintes conversas, sobre distintas dimensións do deseño: os obxectos que nos acompañan arredor da mesa, a cultura do deseño, o oficio e o deseño como actitude.
Maite Sebastiá conta cunha ampla traxectoria nos ámbitos do xornalismo e da formación, especialmente en áreas relacionadas coa moda, o estilo de vida e o deseño. É licenciada en Xornalismo e estudou Moda e Relacións Públicas en Central Saint Martins e na London Fashion School, ademais de participar en proxectos de arte no ámbito dixital en Sotheby’s. Conta tamén cun Máster en Xestión Cultural (La Fábrica, Madrid).
Nada en Valencia, experta en arquitectura, deseño, moda e estilo de vida, desde 2021 lidera a edición española de Architectural Digest e é unha das mulleres máis influentes no ámbito do deseño, a arquitectura e a arte en España.
Retrato © Luis Sendino

Diseño para vivir. Material, proceso y objetos cotidianos
«A cultura do deseño»: Tim Marlow e David Chipperfield en conversa
«O oficio do deseño»: Edward Barber e David Chipperfield en conversa