A Tongji University inicia o programa de intercambios e estancias investigadoras de RIA
RIA comezou o ano 2024 acollendo un grupo de estudantes de arquitectura da Universidade de Tongji de Shanghai, compartindo aprendizaxes arredor do patrimonio, a identidade local, a implicación da comunidade e a rexeneración urbana.
Esta visita desenvólvese no marco do programa público de actividades educativas e de investigación que promove a fundación, que se verá potenciado coa próxima apertura de Casa RIA e que ten o obxectivo de compartir aprendizaxes e experiencias que fomenten o intercambio de coñecemento con universidades, centros de investigación e outras institucións académicas.
A colaboración entre RIA e a Tongji University de Shanghai posibilitou a celebración da presentación final de proxectos do curso na cidade compostelá, e que se complementou cunha serie de actividades e visitas que permitiron aos estudantes coñecer diferentes proxectos da fundación, a súa metodoloxía de traballo e a comprender mellor a complexidade da paisaxe produtiva galega.
A presentación final de proxectos do curso Option IV Studio da CAUP de Tongji celebrouse o 19 de xaneiro no Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do arquitecto Álvaro Siza, e contou coa participación dun xurado internacional que enriqueceu o debate posterior. Ademais dos profesores do curso, participaron na sesión David Chipperfield, presidente da Fundación RIA, vencellado ao curso como profesor invitado; Iago Lestegás, Concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela; Lyndon Neri, socio fundador do estudio de arquitectura Neri&Hu; así como o equipo da Fundación RIA.
Os exercicios presentados son froito do traballo de todo o semestre e interveñen en varias escalas nun antigo complexo industrial de cerámica chinesa en Jingdezhen, que caeu en desuso tras a reforma económica chinesa dos anos 90. O taller dedicou o semestre a investigar como reimaxinar dúas fábricas deste complexo e o seu desenvolvemento urbanístico na intersección do patrimonio histórico, a comunidade e a actividade económica.
O programa de actividades deseñado pola Fundación RIA profundou nestes aspectos: desde aproximarse á complexidade do territorio da ría de Arousa para comprender as interaccións dunha paisaxe produtiva coas infraestruturas e a contorna urbana; visitar a lonxa de Ribeira e o Mercado de Abastos de Santiago para coñecer o seu produto de primeira man; descubrir o proceso de transformación urbana e da mobilidade en Pontevedra; ata percorrer a fronte marítima da vila mariñeira de Palmeira e o conxunto forestal de Lourizán ou os tellados da Catedral de Santiago, entre outros.
A Fundación RIA promove programas educativos e de investigación de diferentes formatos para fomentar o intercambio de coñecemento, ofrecendo a súa propia investigación xunto a contribucións de representantes locais, profesionais e académicos a través de conferencias, sesións de traballo, entrevistas e visitas.
Máis información en info@fundacionria.org
La Fundación RIA promueve programas educativos y de investigación de diferentes formatos para fomentar el intercambio de conocimiento, ofreciendo su propia investigación junto a contribuciones de representantes locales, profesionales y académicos a través de conferencias, sesiones de trabajo, entrevistas y visitas.
Más información en
info@fundacionria.org