1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

A UNAV presenta os seus proxectos na aldea modelo de Muimenta

3 Marzo 2024

Tras traballar durante o pasado semestre en varios proxectos académicos para a reactivación e rehabilitación de Muimenta, o alumnado da Escuela de Arquitectura de la Universidad de Navarra (UNAV) presenta agora os seus resultados na Casa do Concello de Carballeda de Avia.

No marco do convenio de colaboración entre o Fundación RIA e o Concello de Carballeda de Avia para o desenvolvemento do plan de dinamización da aldea modelo de Muimenta , promóvese a creación de lazos colaborativos con institucións académicas, investigadoras e entidades do tecido económico, cívico e social.

Esta iniciativa permitiu desenvolver un programa académico coa Escuela Técnica Superior de Arquitectura de la Universidad de Navarra (ETSAUN-UNAV), enmarcado no convenio CT Lab Carballeda de Avia, asinado polas tres entidades.

Liderado polo profesor invitado Fermín Vázquez (B720 Fermín Vázquez Arquitectos) e o profesor José Ángel Medina, o estudantado de arquitectura de 5º curso desenvolveu o programa académico do 1º semestre do curso 2023-24 atendendo aos retos e problemáticas do rural, en concreto á implementación dun programa funcional na aldea modelo de Muimenta que impulse a súa reactivación económica e social.

Onte celebrouse o acto de presentación dos traballos, por parte do alumnado e profesores da ETSAUN, inaugurando a exposición que permanecerá aberta ao público na Casa do Concello de Carballeda de Avia durante varias semanas. O acto de presentación contou coa participación das institucións implicadas na estratexia Aldeas Modelo e nesta colaboración, e coa asistencia doutras institucións convidadas que afrontan o reto demográfico a través de diferentes iniciativas, estratexias e políticas.