1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Laboratorio Ecosocial do Barbanza: seis anos traballando pola xestión sostible do territorio

16 Outubro 2025

Casa RIA acolle no último trimestre de 2025 unha exposición que recolle os resultados do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto pioneiro de investigación-acción coordinado pola Fundación RIA desde o seu comezo en 2020 e que nos dous últimos anos contou co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

Exposición aberta ao público
Do 16 de outubro de 2025 al 24 de xaneiro de 2026

 

 

 

Comisariado
Fundación RIA

Textos en galego
Tradución ao castelán e inglés disponible

Casa RIA
Lun – Sáb, de 10 a 17 h

O equilibrio territorial, construído ao longo do tempo, enfróntase hoxe a desafíos compartidos con outros territorios: o despoboamento, a perda de relevo xeracional, o abandono da terra, a perda de biodiversidade e a crecente vulnerabilidade fronte aos incendios forestais.

Abordar eses retos nunha realidade galega na que case a totalidade da terra é privada, con dous terzos de superficie forestal e cun alto grao de fragmentación e envellecemento poboacional, esixe un traballo de mobilización local profundo, continuado e que chegue a todo o territorio para conseguir resultados.

Neste sentido, Galicia conta cunha estrutura única: 3.000 comunidades de montes veciñais en man común que, desde hai séculos, practican formas de xestión compartida capaces de combinar produción, conservación e cohesión social.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza parte deste contexto para impulsar unha bioeconomía baseada na xestión sostible e multifuncional dos recursos, a través de modelos de gobernanza colaborativa cos que facer fronte aos principais desafíos ambientais, sociais e produtivos do territorio.

A exposición presenta os resultados de seis anos de traballo a prol da xestión sostible do territorio e céntrase na fase actual do proxecto, desenvolvida ao abeiro da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Un programa de actividades complementa a mostra, con encontros en Casa RIA e actividades dende o Barbanza.

Do monte á construción. Madeira de proximidade para un futuro sostible
Xoves 7 de novembro ás 18 h en Casa RIA

Unha mesa redonda sobre a cadea de valor da madeira en Galicia como exemplo de economía circular e de proximidade. Aborda os retos da xestión forestal sostible, o papel das comunidades de montes, a innovación en biomateriais e a produción de km 0 como estratexia para activar economías locais e reducir a pegada ecolóxica.

No marco do evento lanzouse unha consulta pública aberta para recoller opinións e reflexións sobre o potencial da madeira galega como recurso estratéxico. As respostas son anónimas e contribúen a identificar retos, oportunidades e percepcións sociais arredor deste sector.

Modera a mesa Ovidio Queiruga, presidente da CMVMC de Baroña. Entrada libre ata completar aforo.

A comunidade como motor da transición enerxética
Xoves 20 de novembro ás 18 h en Casa RIA

Unha mesa redonda sobre o papel da cidadanía e das comunidades locais na transición cara ás enerxías renovables en Galicia. Analízanse os retos e oportunidades para avanzar cara a un modelo sostible baseado na participación directa, o autoconsumo e a xestión responsable dos recursos, así como o potencial das comunidades enerxéticas e da bioeconomía circular para xerar beneficios sociais e económicos no territorio.

Modera a mesa Xavier Simón, coordinador do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). Entrada libre ata completar aforo.

Gandería extensiva: biodiversidade e prevención de lumes
Mércores 3 de decembro ás 18 h en Casa RIA

Unha mesa redonda sobre o papel da gandería extensiva como ferramenta de prevención de incendios e conservación da biodiversidade. A través de diferentes experiencias, analizaranse novos modelos produtivos que vinculan economía local, soberanía alimentaria e sustentabilidade ambiental, situando a produción animal como aliada na rexeneración do territorio.

Modera a mesa Claudia de Sas, paisaxista na Fundación RIA. Entrada libre ata completar aforo.

Fórmulas colectivas para a xestión do territorio
Mércores 10 de decembro ás 18 h en Casa RIA

Unha mesa redonda dedicada a explorar as fórmulas colectivas que historicamente configuraron o territorio galego —comunidades de montes, cooperativas, agrupacións de propietarios e outras entidades locais— e o seu potencial para unha nova gobernanza territorial baseada na participación cidadá, a cooperación interadministrativa e a xestión sostible dos recursos.

Modera a mesa Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte. Entrada libre ata completar aforo.

Formación e tradición: impulsando novas oportunidades para o rural
Xoves 22 de xaneiro ás 18 h en Casa RIA

Unha mesa redonda sobre a formación e o coñecemento como piares para un rural vivo e innovador. Abórdase desde a capacitación profesional adaptada ás necesidades reais do territorio ata a recuperación de oficios tradicionais, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento, como vías para atraer poboación nova e impulsar economías sostibles.

Entrada libre ata completar aforo.