O pequeno é grande. Historia das marmeladas do Barbanza
Casa RIA acolle a partir de setembro de 2026 unha exposición que toma como punto de partida o proxecto de marmeladas de cítricos desenvolto pola Fundación RIA para abordar cuestións máis amplas relacionadas co futuro da alimentación.
Exposición gratuíta e aberta ao público
A partir do 10 de setembro de 2026
Textos en galego
Tradución a castelán e inglés dispoñible
Casa RIA Lun-Sáb, de 10 a 17h
A estrutura agraria de Galicia, marcada pola fragmentación da propiedade, destaca pola abundancia de pequenas producións de alimentos, vinculadas historicamente co autoconsumo, que contribuíron a manter a relación das persoas coa terra, conservando coñecemento e mantendo unha biodiversidade excepcional de cultivos.
Non obstante, nun mercado contemporáneo que esixe volume, regularidade e dispoñibilidade, estas pequenas explotacións, que destacan pola diversidade e a estacionalidade, atopan cada vez máis dificultades para competir coas variedades estándar e os procesos industriais.
«O pequeno é grande» parte dunha análise deste contexto para explorar novas estruturas e iniciativas adaptadas ás condicións das pequenas producións, que, conectando produción, distribución e consumo, lles permitan operar a unha maior escala sen perder as súas características esenciais.
Empregando o proxecto de marmeladas de cítricos de RIA como exemplo, a exposición cuestiona as distintas etapas do proceso de produción de alimentos, explorando propostas innovadoras como os obradoiros compartidos de transformación alimentaria, as redes de produtores ou as estratexias conxuntas de comercialización. Polo camiño, xorden múltiples cuestións:
Que caracteriza á horta galega? Cando podemos dicir que un cultivo é local? Que futuro ten a pequena escala nun mercado global? Pode unha marmelada servir de exemplo para outras iniciativas?
Os contidos da exposición compleméntase cun programa público, co apoio de Casa Grande de Xanceda, que reunirá a profesionais relacionados coa alimentación, a agricultura e a investigación, nunha serie de actividades e conversas.