1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

«Prazas de abastos», a exposición sobre o seu rol social e económico no territorio

22 Xaneiro 2025

Dispoñible durante o primeiro trimestre de 2025 en Casa RIA, «Prazas de abastos» destaca a importancia dunha das actividades máis sinxelas e directas: a venda de comida. Unha transacción tan necesaria tamén ten o potencial de ser celebrada máis aló da practicidade.

 

Exposición aberta ao público
Dispoñible ata maio de 2025

 

 

Comisariado
Fundación RIA

 

Textos en galego
Tradución ao español e inglés dispoñible

 

Casa RIA
Lun – Sáb, de 10 a 17 h

As prazas de abastos son infraestruturas clave do territorio galego. Máis alá da súa función comercial, estes espazos articulan a vida cotiá de vilas e cidades, conectando produción e consumo, o rural e o urbano, o pasado e o presente.

A exposición «Prazas de abastos», comisariada pola Fundación RIA, propón unha reflexión sobre a historia, a función social e o futuro destes mercados municipais. A través de material gráfico, planimetrías, fotografías actuais e históricas, a mostra pon en valor as prazas como espazos de conexión directa co territorio produtivo e como plataformas clave para a transición cara a sistemas alimentarios máis xustos, saudables e sostibles.

Nun contexto de transformación dos hábitos de consumo e de presión urbana e económica, a exposición formula varias preguntas:

Que papel deben desempeñar hoxe as prazas de abastos? Como protexer non só a súa arquitectura, senón tamén a súa actividade e función social? Que políticas e estratexias poden reforzar o seu papel como eixo central do abastecemento local?

«Prazas de abastos» forma parte dun programa público máis amplo que inclúe encontros, visitas e actividades en torno á alimentación, o territorio e o comercio de proximidade.

Acompañando esta exposición, Casa RIA acolle unha programación especial que amplía esta reflexión a través de proxeccións, charlas, experiencias gastronómicas e moito máis:

Programa de actividades

Enmarcada na programación pública de Casa RIA arredor do rol dos mercados no territorio, esta conversa afondará nos retos que afronta hoxe o abastecemento alimentario: que ocorre cando non hai produto, ou cando xa non queda quen o produza?

A falta de relevo xeracional e os efectos do cambio climático estanos levando a repensar non só como nos alimentamos, senón tamén como producimos os nosos alimentos. Neste debate falaremos dos cambios que xa están vivindo quen produce, da necesidade de avanzar cara a novos modelos e de como reforzar os vínculos entre produtores e consumidores para asegurar unha alimentación sostible e local.

→ Javier Quintáns Berride é patrón maior da confraría de Carril, cunha traxectoria vinculada á produción mariñeira e marisqueira da ría de Arousa

→ David Sueiro é fundador de Galo Celta, un proxecto de produción avícola sostible que aposta polo benestar animal e os circuítos curtos de comercialización

→ Conchi do Campo é técnica de horta do Centro Especial de Emprego Entrelampos

Modera a conversa

→ Francisco García Fernández, técnico de desenvolvemento rural na Fundación Juana de Vega

Consulta toda a información sobre o evento.

Javier Rivero e Unai Izaguirre, do restaurante Ama en Tolosa (Gipuzkoa), visitan Casa RIA no marco do ciclo de “Encontros de mercado”, un programa de encontros internacionais que busca potenciar o valor das prazas de abastos.

Desde o seu restaurante, Javier e Unai desenvolven unha cociña baseada na tempada e a sostibilidade, destacando o papel dos pequenos produtores baixo o lema “o local protéxenos, protexamos o local”.

Durante a súa estadía en Santiago visitan a praza de abastos e co-deseñan un menú especial en colaboración con Iago Pazos, que se serve en A Cantina tras a conferencia.

Consulta toda a información sobre o evento.

Ruthie Rogers, chef e cofundadora do The River Cafe en Londres, protagonizou este encontro cun formato especial: a gravación dun episodio aberto do seu pódcast Ruthie’s Table 4, en conversa co arquitecto David Chipperfield sobre o rol dos mercados e a importancia da produción e da gastronomía locais.

Consulta toda a información sobre o evento.

Os hábitos alimentarios non só reflicten a nosa identidade, senón tamén a evolución social, económica e histórica do territorio. Esta mesa redonda explora como cambiou a nosa dieta e que impacto tiveron os mercados de abastos na súa transformación, da man de catro especialistas en distintos eidos para afondar na cultura alimentaria e na súa relación co territorio:

→ Stefania Barca, Investigadora Distinguida da USC (Histagra-CISPAC), ofrecerá unha visión xeral sobre os cambios nos sistemas alimentarios no mundo contemporáneo e os seus impactos ambientais desde unha perspectiva ecofeminista.

→ Xavier Castro, historiador especializado en cultura alimentaria, reflexionará sobre a evolución da dieta galega e os factores que influíron nos cambios dos hábitos de consumo.

→ Lourenzo Fernández, Catedrático en Historia Contemporánea da USC (Histagra-CISPAC), achegaranos unha perspectiva histórica sobre a conexión de Galicia cos mercados de produtos agrícolas, gandeiros e mariños.

→ Jorge Guitián, divulgador gastronómico, abordará os desafíos actuais da dieta galega e a súa viabilidade no contexto contemporáneo.

Modera a conversa Inés Santé Riveira, especialista en ordenación do territorio cunha ampla traxectoria investigadora e na administración pública.

Consulta toda a información sobre o evento.

As prazas de abastos son espazos de encontro, de transmisión de coñecemento e de respecto pola tradición alimentaria. Pero tamén son escenarios de aprendizaxe onde o emprendemento e a formación profesional poden atopar unha conexión co mundo real.

Nesta conversa aberta contamos con Almudena Ávalos, xefa de gastronomía de El País, e Ricardo Fernández, profesor de cociña e pastelaría do centro de formación profesional Carlos Oroza de Pontevedra, quen conversan sobre o papel fundamental dos mercados como espazos de ensino e capacitación, a importancia de coñecer e valorar o labor dos produtores e o desafío de vincular a formación culinaria co tecido profesional.

Unha oportunidade para reflexionar sobre o futuro da gastronomía desde a súa raíz: os produtos, os oficios e o saber facer que sosteñen a calidade alimentaria.

Consulta toda a información sobre o evento.

Carolyn Steel, coñecida pola súa obra Sitopia e pola súa defensa da soberanía alimentaria, iniciou o ciclo Encontros de mercado cunha visita ao mercado de Santiago, onde –acompañada polo cociñeiro Iago Pazos– percorreu os postos para descubrir os produtos locais e de tempada que máis tarde formaron parte dun menú especial servido ese día en A Cantina.

A xornada continuou cunha conferencia impartida por Steel na Fundación RIA, onde compartiu as súas reflexións sobre a relación entre a cidade e a comida, ao tempo que salientou a importancia de repensar os sistemas alimentarios para xerar espazos urbanos máis saudables e sostibles.

Consulta toda a información sobre o evento.

Os mercados de abastos son pezas clave no sistema alimentario galego, fundamentais para unha alimentación local e sostible. As estratexias alimentarias, xunto con iniciativas que fomenten o consumo de proximidade, desempeñan un papel decisivo nesta transformación.

Enmarcada na programación pública de Casa RIA sobre o papel dos mercados no territorio, convidamos a catro persoas para falar de iniciativas galegas que, a través do consumo en rede, promoven unha alimentación sostible:

→ Emilio V. Carral, doutor en Ciencias Biolóxicas, compartirá a súa experiencia na iniciativa participativa Eo Alimenta, que impulsa estratexias alimentarias na biorrexión do río Eo.

→ Claudia de Sas, paisaxista especializada en planificación territorial e desenvolvemento rural na Fundación RIA, coordina as accións de transformación de alimentos do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

→ Manuel Jesús Rey presentaramos o traballo de Nonéomesmo, unha iniciativa compostelá que tece redes entre labregas, comercios, restaurantes e consumidoras para fomentar o consumo local.

→ Lucas Requejo acompañaranos para falar de A Mariña Lab, un laboratorio dedicado a garantir a produción de alimentos no futuro da comarca mediante a aplicación da innovación e o desenvolvemento sostible.

Consulta toda a información sobre o evento.

Sabemos o que bebemos? Por que escollemos un viño e non outro? Que presenza ten o viño nas prazas de abastos galegas?

Cristina Alcalá e Mariña Fernández falan do viño desde a calidade, a sustentabilidade, a ética e o territorio. No marco da programación arredor das prazas de abastos, visitan Casa RIA para compartir unha conversa aberta sobre o viño como identidade cultural.

Ao rematar, a conversa continúa para compartir un viño en A Cantina.

Consulta toda a información sobre o evento.

Senmais iniciou os encontros «arredor da mesa», un formato de A Cantina de Casa RIA para coñecer diversas voces, iniciativas e persoas que a través do comer e do beber poñen en valor o territorio.

Nesta ocasión, Ana Corredoira visítanos para dar a coñecer o traballo e os produtos de Senmais, o proxecto cooperativo de dúas familias de Palas de Rei que hai 20 anos apostaron por un modelo de negocio que tivese un impacto positivo no territorio.

Consulta toda a información sobre o evento.

María Sánchez, veterinaria e autora de Fuego la sed, visitou Casa RIA para conversar sobre a súa visión das prazas de abastos e a súa relación co sector primario.

Consulta toda a información sobre o evento.

Unha selección de literatura, obxectos e produtos relacionados co “comer” que durante cinco días demostran a importante dimensión da alimentación na nosa identidade.

En colaboración coas librarías compostelás Numax, Couceiro e CGAC, o mercado ofrece unha ampla variedade de publicacións que permiten mergullarse na alimentación, a cociña e o territorio.

Ademais, a tenda efémera de Nadal incorpora o deseño de David Chipperfield Design, en colaboración coas marcas Alessi e Wästberg, a través de varios obxectos cotiáns que se poden atopar nos diferentes espazos de Casa RIA.

Tamén, varias prendas e utensilios para facer a compra, especialmente deseñados para a ocasión, incorporan o deseño téxtil da firma D-Due, que viste ao equipo de A Cantina, confeccionados a man con fibras naturais desde Rianxo.

Por último, A Cantina ofrece durante estes días unha selección de doces elaborados no seu obradoiro, así como bebidas e outras preparacións “feitas na casa” que representan os valores de proximidade, tempada e conciencia alimentaria.

Carolyn Steel inicia o ciclo de «Encontros de mercado» en Casa RIA

Ruthie Rogers visita Casa RIA no marco do ciclo «Encontros de mercado»