Presentación do libro «Forma da Vizinhança» con Space Transcribers e Manuel Bouzas
Casa RIA acolle o xoves 4 de xuño a presentación da publicación Forma da Vizinhança, editada por Space Transcribers no marco de Braga 25 – Capital Portuguesa da Cultura, nunha sesión que contará coa participación de Daniel Duarte, Fernando Ferreira e Manuel Bouzas.
Este evento forma parte do programa público paralelo de Casa RIA
Xoves 4 de xuño de 2026, 18:30 h
Evento en galego/portugués
Reservas en eventos@casaria.org
Forma da Vizinhança é unha publicación que invita a pensar como se constrúe e se vive a cidade contemporánea desde os seus espazos máis cotiáns. O libro nace do festival homónimo desenvolvido en oito localizacións da cidade de Braga e propón abrir unha reflexión compartida sobre a cidade, a vida de barrio e as posibilidades de construír novas formas de convivencia.
A publicación organízase en dous volumes complementarios. FORMA reúne cartografías, levantamentos, historias orais e ensaios críticos sobre a expansión recente de Braga, incluíndo contribucións do xeógrafo Álvaro Domingues.
VIZINHANÇA documenta o programa arquitectónico e artístico do festival, incluíndo oito instalacións no espazo público desenvolvidas por equipos de arquitectura de Portugal, Galiza e Cabo Verde, que exploran distintas formas de pensar a relación entre espazo público, veciñanza e práctica colectiva.
A presentación na Casa RIA quere ser tamén un espazo de encontro e conversa sobre experiencias compartidas entre o norte de Portugal e Galicia, sobre urbanización recente, cultura e posibilidades de imaxinar outras formas de veciñanza.
Para a sesión contarase coa presenza de Daniel Duarte e Fernando Ferreira, membros do equipo curatorial e organizador do festival, así como de Manuel Bouzas, participante no festival a través da súa intervención en Fontainhas para recuperar unha antiga vila.
A presentación celebrarase en Casa RIA (Virxe da Cerca, 6) ás 18:30 h. Debido á capacidade limitada da sala, é necesaria reserva previa a través do correo eventos@casaria.org.