
Ruthie Rogers visita Casa RIA no marco do ciclo «Encontros de mercado»
Ruthie Rogers visita Casa RIA o martes 18 de marzo e continúa o ciclo de «Encontros de mercado», un programa de encontros internacionais para potenciar o valor dos nosos mercados na cultura gastronómica.
A chef e cofundadora do restaurante The River Cafe en Londres protagonizará este segundo encontro cun formato especial: a gravación en aberto dun episodio do seu podcast Ruthie’s Table 4, onde conversará co arquitecto David Chipperfield sobre o rol dos mercados e a importancia da produción e a gastronomía locais.
O evento público celebrarase o martes 18 de marzo as 18.30 h na sede da Fundación RIA en Santiago de Compostela, nunha convocatoria gratuíta para a que é necesario inscribirse previamente.
A continuación da conversa, A Cantina ofrecerá unha cea co-deseñada con Ruthie Rogers utilizando produtos de tempada, froito da súa visita á praza de abastos. Este menú especial, require reserva previa e ten un prezo de 40 euros (máis gastos de xestión).
O programa «Encontros de mercado» enmárcase na programación especial de Casa RIA arredor do rol dos mercados no territorio, realizada en colaboración coa Xunta de Galicia como parte da súa aposta de impulso e dinamización das prazas de abastos locais, incluída no futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025–2030.
A programación abriu coa arquitecta e autora británica Carolyn Steel (martes 18 de febreiro) e continúa agora con Ruthie Rogers (martes 18 de marzo), para pechar próximamente cun encontro protagonizado por chefs de Galicia.
A estrutura de cada xornada consta dunha visita ao mercado con Iago Pazos –cociñeiro á fronte da Cantina de Casa RIA e do restaurante Abastos 2.0– para coñecer de primeira man os produtos de tempada e proximidade dispoñibles. Despois, desenvólvese a co-creación do menú entre a personalidade convidada e o chef. Por último –abertos ao público con inscrición previa–, celebrase unha conferencia e debate, así como a experiencia gastronómica para degustar o menú resultante.
Conversa entre Ruthie Rogers e David Chipperfield
—Requiere inscripción gratuita
Conversa entre Ruthie Rogers e David Chipperfield + cea
—40€ + gastos de xestión
—Reserva necesaria
Martes 18 de marzo, 18.30 h
Casa RIA (Virxe da Cerca 6, Santiago)
