«Transformar para xerar valor», con Martín Alemparte e produtoras de Artesanía Alimentaria de Galicia
Casa RIA acolle unha conversa que reunirá a Martín Alemparte, director de Agacal, con diferentes produtoras asociadas baixo o selo de calidade Artesanía Alimentaria de Galicia, para reflexionar sobre a comercialización e posta en valor de produtos de calidade vinculados ao territorio.
Esta conversa forma parte do programa público da exposición «O pequeno é grande», que conta co apoio de Casa Grande de Xanceda
Xoves 15 de outubro de 2026, 18:30 h
Reservas en eventos@casaria.org
Nun mercado alimentario cada vez máis estandarizado, as pequenas producións precisan ferramentas que permitan recoñecer o seu traballo, diferenciar os seus produtos e poñer en valor os coñecementos e procesos que as fan singulares. Artesanía Alimentaria de Galicia propón un marco para identificar e dar visibilidade a estas formas de producir, así como para ofrecer garantías sobre os procesos e características dos produtos que elaboran.
Para abordar esta e outras iniciativas, contaremos con Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nun encontro con diferentes produtoras que achegarán as súas experiencias particulares relacionadas coa transformación alimentaria e a produción a pequena escala.
A conversa permitirá tamén reflexionar sobre os retos que se presentan ante este tipo de producións á hora de competir no mercado con alternativas de carácter industrial e sobre o papel que pode desempeñar o recoñecemento da artesanía alimentaria para xerar valor sen perder aquilo que as fai singulares.
A sesión completarase cunha pequena degustación dos produtos das participantes, ofrecida por Agacal e deseñada por Iago Pazos, como unha forma de achegar ao público a diversidade de produtos e formas de elaboración que conviven dentro da Artesanía Alimentaria de Galicia.