1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

A horta de Casa RIA

Un espazo vivo de aprendizaxe e investigación alimentaria

A horta de Casa RIA é unha aula ao aire libre onde se aprende facendo, en contacto coa natureza. Cada semana recóllense datos sobre os cultivos, o clima, o solo e a auga para construír unha base de coñecemento en aberto que permita entender os ritmos das tempadas. Periodicamente, a produción da horta chega á Cantina, integrándose nas súas elaboracións.

Promotor
Casa RIA
Fundación RIA

 

Colaboración
La Finca de Los Cuervos
A Cantina

 

Ano
2025–en curso

 

Localización
Santiago de Compostela

 

 

Impulsada a inicios do ano 2025, a horta é un proxecto que combina produción agrícola a pequena escala, investigación aplicada e divulgación; vinculando alimentación, territorio e cultura. Esta iniciativa funciona como un laboratorio aberto no que colaboran distintos axentes que achegan a súa experiencia e coñecementos para enriquecer o proceso, baixo a coordinación da Fundación RIA.

 

O equipo de La Finca de los Cuervos traballa a horta e planifica as tempadas, mentres que A Cantina incorpora os produtos frescos da horta ás súas elaboracións, complementando o seu abastecemento da praza. Por outra banda, un equipo de voluntariado integrado polo persoal de Casa RIA participa en tarefas de mantemento, recollida de datos e seguimento dos cultivos.

Actividade pública de aprendizaxe na horta. Á dereita, o equipo de voluntariado realiza traballos de mantemento.

Recuperando un espazo produtivo

A horta está situada no xardín de Casa RIA, adxacente ao parque de Belvís, un espazo extramuros da cidade vella cunha longa tradición agrícola que historicamente abastecía Santiago de Compostela. Aínda que esta actividade xa non é a protagonista, segue presente a través das hortas urbanas e da estrutura de socalcos e muros do parque.

Tras unha primeira fase de recuperación do solo degradado, a horta aspira á reactivación produtiva no centro urbano, promovendo prácticas sostibles adaptadas ao cambio climático e reforzando a conexión entre produción e consumo, integrando a horta na vida diaria de Casa RIA e na súa relación coa comunidade.

 

A organización e planificación dos cultivos realízase en colaboración con La Finca de los Cuervos, un proxecto cunha ampla traxectoria en horticultura agroecolóxica e no acompañamento de proxectos de pequena escala, garantindo unha produción diversa ao longo do ano, que se adapta ao paso das tempadas.

A Cantina, dirixida polo cociñeiro Iago Pazos, quen conta con máis de dez anos de experiencia en proxectos gastronómicos vinculados ao mercado compostelán e ao tecido local, integra os produtos da horta nunha cociña baseada na estacionalidade e nos provedores de proximidade, pechando o ciclo entre horta e cociña.

Investigación e aprendizaxe

Ademais de producir alimentos, a horta de Casa RIA é un espazo para a investigación e a experimentación.  A través da observación continuada e a recompilación sistemática de información, analízase como evolucionan os cultivos e como responden aos factores ambientais propios da parcela, permitindo adaptar as prácticas ao longo do ano. A información acumulada organízase nun caderno de campo, que funciona como un arquivo vivo onde se rexistra o estado da parcela, os resultados do estudio biofísico –solo, clima, auga e fauna–, as tarefas de mantemento e os ciclos de cultivo.

 

Esta información plásmase tamén nunha serie de fichas de cultivo, que recollen de forma práctica e visual a información esencial de cada especie: características botánicas, necesidades de solo, luz e rego, calendarios de plantación e colleita, asociacións favorables ou desfavorables e potenciais usos culinarios.

Seccións do crecemento de diferentes cultivos plantados na horta de Casa RIA.

Divulgación de coñecementos

O coñecemento xerado mediante a investigación recompilase e edítase co obxectivo de converter a horta nun recurso educativo e cultural comunitario, contribuíndo a activar novas miradas sobre a relación entre alimentación, territorio e comunidade.

Unha serie de materiais divulgativos acompañan as actividades de Casa RIA, dende tarxetas que achegan información sobre os ingredientes dos pratos da Cantina a infografías que ilustran os ciclos de cultivo.

 

Desta base xorden tamén os programas de actividades, que inclúen monográficos estacionais, visitas de grupos escolares e sesións abertas que achegan a horta á poboación de Santiago de Compostela. Todas estas accións reforzan a dimensión educativa e cultural do proxecto e converten o traballo da horta nunha experiencia compartida de aprendizaxe continuo. Podes consultar as próximas actividades aquí.

Da horta á mesa: uns petiscos para descubrir os cultivos do verán