1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Aldeas modelo

Plans de dinamización das aldeas modelo piloto de Muimenta e Trascastro

A aldea modelo é un instrumento lexislativo que busca a activación dunha aldea en situación de abandono mediante a mellora da calidade de vida do propio núcleo e a recuperación da actividade económica dos terreos adxacentes, antigamente de uso agrícola, gandeiro e forestal.

Promotor
Xunta de Galicia
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
Fundación RIA

 

Equipo e colaboradores
Fundación RIA

Ano
2022-2024

Localización
Carballeda de Avia, Ourense
O Incio, Lugo

As profundas transformacións dos modos de vida nas áreas rurais, estreitamente ligadas a sistemas produtivos de escala local, relegaron ás aldeas do seu papel como organizadoras do territorio.

Esta desestruturación do territorio galego, xunto ás dinámicas de desagrarización globais, manifestouse na perda de poboación, deterioración das construcións rurais, abandono de terras e desaparición de saber locais. Como resultado, os incendios forestais achéganse cada vez máis frecuentemente aos núcleos de poboación rurais.

Co obxectivo de atender a estas problemáticas do rural, a Consellería do Medio Rural aprobou a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Entre outros instrumentos incluídos dentro da lei atópase a aldea modelo, unha ferramenta para reactivar as terras produtivas e rehabilitar os núcleos co fin de fixar poboación, atraer novos residentes e fomentar iniciativas económicas baseadas nos valores locais.

Estratexia global

A declaración dunha aldea modelo, segundo a normativa vixente, será motivada polo concello interesado e aprobada polo Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Esta potencial aldea modelo debe xustificar unha grave situación de abandono polo menos na metade do perímetro trazado, a existencia de características produtivas favorables e a vontade das súas propios habitantes en formar parte deste instrumento mediante a cesión das parcelas produtivas ao banco de terras.

Actualmente, hai 27 aldeas modelo aprobadas en Galicia. A maior parte atópanse na provincia de Ourense, onde se aprecia unha concentración de municipios con aldeas modelo nas áreas de montaña, onde o efecto do despoboamento é maior. Do mesmo xeito, as aldeas localízanse próximas a espazos con valores naturais ecolóxicos amparados por figuras de protección de distinta índole.

Unha aldea, dous documentos

A aldea modelo vai asociada á redacción de dous documentos: a Guía de ordenación produtiva (GOP), cuxo ámbito de aplicación é o solo rústico incluído na delimitación da aldea modelo, e o Plan de dinamización (PD), aplicable, total ou parcialmente, no solo de núcleo rural.

Por unha banda, o GOP, elaborado por AGADER, determina e delimita os usos produtivos susceptibles para a explotación nos terreos adxacentes aos núcleos, identificando os aproveitamentos preferentes e secundarios segundo o punto de vista económico, técnico, social e ambiental.

O PD, por outra, incorpora actuacións sociais, económicas, tecnolóxicas, arquitectónicas e de renovación e rehabilitación urbana. Debe incluír cuestións como a mellora da habitabilidade, implantación de sistemas alimentarios locais e de curta comercialización, estratexias para a xeración de valor engadido nos produtos agroalimentarios, modelos de negocio local sostibles etc.

O seu obxectivo é coordinar a entidade pública coa privada para impulsar as devanditas medidas.

Proxectos piloto

A Fundación RIA traballa na elaboración de dous Plans de dinaminzación en dúas aldeas modelo piloto: Muimenta (Carballeda de Avia) e Trascastro (O Incio).

Na elaboración destes documentos téñense en conta factores como o estado da edificación e o espazo público, a accesibilidade a equipamentos e servizos e a outros indicadores de carácter social e económico.

É fundamental que a experiencia das aldeas modelo sexa percibida positivamente pola poboación local e que represente unha oportunidade para mellorar a súa calidade de vida e garantir o seu futuro na aldea. Para iso, o proceso integraraos na toma de decisións e as primeiras actuacións atenderán as súas necesidades prioritarias.

Consulta máis información sobre a estratexia de aldeas modelo na páxina de AGADER