
Belvís como estratexia urbana
A Fundación RIA –en colaboración coa Fundación MOP– organizou a inicios do 2025 un taller de estudantes de arquitectura e outras disciplinas co obxectivo de abordar a planificación urbana de Santiago de Compostela. Durante doce días, nove participantes traballaron desde este espazo verde para reflexionar sobre que papel pode xogar no futuro da cidade.
Promotor
Fundación RIA
Fundación MOP
Colaboración
Mutu
Ano
2025
Localización
Santiago de Compostela
Nun momento marcado pola crisis ambiental ea necesidade de repensar a ordenación do territorio e o urbanismo, Belvís adquire un papel especialmente relevante para a cidade, servindo como un punto de partida para impulsar e fortalecer accións que permitan articular espazos e actividades en torno á auga e a vexetación.
Que rol pode xogar Belvís na estratexia urbana da cidade? Pode servir como conector, non só da cidade monumental e o ensanche, senón doutros barrios e servizos públicos? Que servizos e actividades pode albergar sen impactar negativamente na súa calidade e función ambiental? Pode Belvís ser un catalizador que sitúe no centro das estratexias urbanas á infraestrutura verde e azul?
Tratando de reflexionar sobre estas cuestións e co obxectivo de enriquecer os resultados do estudo desta peza da cidade, a Fundación RIA propón tres temáticas para abordala:
—A relación urbana: centrada na integración dentro da estrutura urbana de Santiago de Compostela, co foco na súa localización estratéxica e na súa función como espazo de transición entre o casco histórico e outras áreas da cidade.
—A infraestrutura verde e azul: enfocada nos compoñentes naturais, destacando o seu valor ecolóxico e paisaxístico.
—A funcionalidade e percepción social: orientada na valoración social deste espazo, mediante a interacción coa cidadanía compostelá, así como na distribución funcional mediante mapeo de usos e actividades.


Un taller interdisciplinar
Poñendo o foco no rol de Belvís para a cidade de Santiago de Compostela, a Fundación RIA organizou a inicios de 2025 un taller de estudantes de distintas disciplinas. Este workshop enmárcase na colaboración de RIA coa Fundación MOP para consolidar en Galicia unha cultura da arquitectura e o deseño fundamentada en criterios de sustentabilidade e de eficiencia, que contribúa a mellorar os espazos habitables.
Tras unha convocatoria aberta, o taller celebrouse entre o 27 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2025 en Casa RIA, situada no límite do parque de Belvís. Tomando este espazo como base de traballo, o workshop buscou explorar os retos e oportunidades deste espazo clave.
Nove participantes exploraron o parque a través de conferencias, roteiros, traballo de campo, mapeo, análise e deseño de estratexias. Esta metodoloxía permitiu experimentar con novas ferramentas e fomentar unha visión integral dos desafíos urbanos.
O workshop desenvolveuse coa colaboración de Mutu, cooperativa con sedes en Barcelona e Galicia que achegou a súa metodoloxía aberta e colaborativa. O seu equipo tivo un papel fundamental na titorización do proceso, guiando o traballo do alumnado e acompañándoos na reflexión crítica sobre Belvís ao longo de todo o obradoiro.

Unha metodoloxía aberta e colaborativa
O workshop desenvolveuse coa colaboración da cooperativa Mutu, combinando teoría, práctica e investigación mediante unha metodoloxía aberta e colaborativa. A través do mapeo, a participación activa, as saídas de campo e a recompilación de datos, buscouse comprender as distintas dimensións do espazo e o seu impacto na dinámica urbana de Santiago de Compostela.
Unha serie de conferencias temáticas organizadas ao longo do taller permitiron afondar en diferentes aspectos de Belvís. Os arquitectos Enrique Seoane e Carlos Seoane foron convidados para analizar a relación urbana do barrio co conxunto da cidade; mentres que da man de María Fandiño e Cristina García Fontán –arquitectas especializadas en paisaxismo– se tratou na infraestrutura verde e azul de Belvís. Por último, contouse coa participación do concelleiro Xesús Domínguez e Lino Vilas –cofundador do mercado ecolóxico de Belvís– que trataron a funcionalidade e a percepción social do parque.
En paralelo, Mutu impartiu conferencias transversais que puxeron o foco, por unha banda, en estratexias de urbanismo colaborativo e, por outra, en ferramentas para abordar a perspectiva de xénero en proxectos urbanos.
As saídas de campo permitiron que o alumnado orientase o traballo segundo os seus propios intereses e ámbitos de coñecemento, garantindo unha aproximación diversa ao caso de estudo. En distintos puntos do taller celebráronse postas en común e sesións críticas, que permitiron reorientar o traballo do grupo de xeito colectivo e chegar a unha comprensión máis profunda de Belvís.

Múltiples futuros para Belvís
O workshop sobre o Parque de Belvís non tivo como obxectivo formular unha única proposta de intervención, senón explorar diferentes alternativas para comprender mellor os impactos positivos e negativos de cada opción. A través desta metodoloxía, os participantes imaxinaron tres camiños distintos para cada problemática, permitindo así unha aproximación máis aberta e holística á realidade do espazo.
A partir dos tres temas iniciais de traballo, definiuse un conxunto de seis obxectivos transversais que abordaban aspectos clave como a identidade territorial, a accesibilidade, a biodiversidade e os usos do espazo. Con esta base, identificáronse nove cuestións fundamentais que deron lugar á elaboración de trípticos ilustrativos.
A partir de los tres temas iniciales de trabajo, se definió un conjunto de seis objetivos transversales que abordaban aspectos clave como la identidad territorial, la accesibilidad, la biodiversidad y los usos del espacio. Con esta base, se identificaron nueve cuestiones fundamentales que dieron lugar a la elaboración de trípticos ilustrativos.
Cada tríptico presentou tres posibles respostas para as temáticas estudadas ao longo do taller, aplicadas a diferentes localizacións dentro de Belvís. As propostas do alumnado do workshop non deben entenderse como conclusións definitivas, senón que aspiran a entenderse como un punto de partida para abrir unha conversa colectiva sobre o futuro do parque.
Os resultados materializáronse nunha serie de colaxes realizadas mediante técnica mixta, combinando fotografía, debuxos a man e referencias á pintura impresionista. Este enfoque visual permitiu expresar de maneira sintética a diversidade de perspectivas e escenarios imaxinados para Belvís.

O peche do taller
O proceso culminou cunha presentación aberta dos resultados, celebrada na mañá do 7 de febreiro na Sala RIA. Como peche do traballo realizado durante o workshop, foi o propio alumnado quen se encargou de preparar, organizar e expoñer tanto o desenvolvemento do proceso como os resultados das dúas semanas de taller, nun formato pensado para compartir as súas reflexións coas persoas e entidades que colaboraron durante eses días.
A sesión estruturouse en varias intervencións. Tras a benvida e contextualización do workshop por parte da Fundación RIA, e a explicación metodolóxica por parte de Mutu, o grupo de estudantes presentou as súas conclusións a través de diversos soportes. Un mapa interactivo permitiu visualizar as estratexias propostas, mentres que outro mapa se centrou en mostrar a evolución do traballo ao longo do proceso.
Ademais, a exposición incluíu colaxes como ferramenta narrativa e unha instalación sonora que recollía os sons do parque de Belvís. Como parte da posta en valor da relación entre Casa RIA e o parque, algunhas das ventás da sala foron pintadas para sinalar elementos clave de Belvís que se podían observar dende o espazo de traballo.
Tras as presentacións, convidouse ás persoas expertas que participaron no workshop e que ofreceron unha análise crítica en clave de revisión e mellora. O acto pechouse cun espazo de intervención aberta para o debate entre o público e o grupo de traballo.
Ao final da sesión, cada participante recibiu un diario do proceso e un folleto cos principais resultados, deixando así unha pegada documental do traballo realizado.