1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Common Grounds

Tres residencias artísticas para tratar a rexeneración rural e urbana

Common Grounds é un proxecto europeo que pon en contacto artistas, investigadoras e comunidades locais para tratar conxuntamente cuestións relacionadas coa rexeneración urbana e rural en espazos afectados pola contaminación de solos.

Promotor

La Citadelle de Marseille

Fundación RIA
Gradoscope

Colaboración
Fundación Daniel y Nina Carasso

Europa Creativa

Ano
2024-2026

Localización

Marsella

Galicia

Sofia

 

O solo é un recurso esencial para os ecosistemas que habitamos, actuando como fonte de enerxía e nutrientes, almacén de carbono e provedor de materias primas. A pesar disto, carece aínda do recoñecemento legal asociado con outros recursos como a auga ou o aire, o que dificulta a súa protección. De cara a avanzar cara a unha xestión sostible, resulta fundamental recoñecer tanto o seu valor económico como o rol que xoga na saúde dos ecosistemas.

 

A través de tres residencias artísticas, Common Grounds ten como obxectivo contribuír á posta en valor da preservación dos solos, abordando as problemáticas ambientais da actualidade dende novas perspectivas. Combinando investigación científica, interaccións coa comunidade local e prácticas artísticas diversas, a iniciativa crea espazos de reflexión arredor de tres localizacións de interese histórico, patrimonial e ecolóxico.

Tres contextos con problemáticas comúns

As tres artistas seleccionadas participaron en tres residencias de dous meses de duración, albergadas por cada unha das entidades organizadoras, La Citadelle de Marseille (Francia), Fundación RIA (Galicia) e Gradoscope (Bulgaria).

A primeira residencia, en Marsella, tivo como epicentro o forte de San Nicolás, unha antiga estrutura militar do século XVII rodeada de tres hectáreas de zonas verdes en estado de abandono e parcialmente contaminadas. Dende 2021, a asociación La Citadelle de Marseille xestiona o espazo e desenvolve un proceso de rehabilitación e apertura gradual ao público, durante o cal se fixo patente a necesidade de repensar o futuro destes espazos verdes, nun centro urbano marcado por importantes desigualdades.

 

En Galicia, as artistas coñeceron o caso da comunidade de montes veciñais de Froxán, centrando a súa investigación nos terreos que rodean as antigas minas de San Fins. Estas explotacións, fortemente vinculadas coa produción de armamento durante a Segunda Guerra Mundial, cesaron a súa actividade a finais do século pasado, deixando tras de si un impacto negativo na saúde do solo e no tecido económico. Na actualidade, a comunidade local destaca polo seu dinamismo na promoción de iniciativas de rexeneración ambiental e participación cidadá, moitas delas desenvolvidas en colaboración co Laboratorio Ecosocial do Barbanza e a Fundación RIA.

A última residencia centrouse en Stochna Gara, en Sofia. Esta antiga estación de ferrocarril situada no centro da cidade atópase en estado de abandono, con zonas parcialmente contaminadas. Na actualidade, profesionais de diversas disciplinas e residentes, xunto coa asociación Gradoscope, desenvolven un proceso para imaxinar novos usos deste espazo, buscando abrilo á cidadanía.

Un lugar de encontro entre ciencia, arte e comunidades locais

En cada unha das residencias, as artistas entraron en contacto cunha rede de actores locais de diversos campos co obxectivo de nutrir o seu proceso de investigación e creación. En Galicia, a residencia contou coa colaboración do grupo de investigación Uxafores-USC, que compartiu a súa experiencia en análise de solos; e da Fundación Montescola e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxán, que presentaron o seu labor de restauración ambiental, aportando contexto sobre a contorna da mina de San Fins.

 

Ademais de coñecer de primeira man os montes de Froxán, as tres artistas visitaron, entre outros, o Centro de Arte FMJJ, OsCasares e o Espazo Vilaseco, os estudios de Arturo Álvarez e Álvaro Negro, a Fundación CIEC, a fábrica de Cerámicas do Castro e a EASD Mestre Mateo, na cal desenvolveron parte da produción das súas obras.

Co obxectivo de compartir o resultado da investigación realizada durante a súa estancia, ao final de cada residencia organizouse un evento de restitución, no cal presentaron o estado dos seus proxectos.

Visita aos montes comunais de Froxán. Á dereita, encontro co grupo de investigación Uxafores-USC.

As tres artistas seleccionadas

Virgile Haëck é paisaxista e artista plástico. Convencido de que a crise climática está relacionada cunha crise de sensibilidade, concibe a arte como un medio para reavivar a nosa atención cara o mundo vivo. A través da escritura e a pintura, o seu enfoque artístico indaga nas paisaxes abandonadas, as contornas fráxiles e os xestos de coidado.

Mar Ramón Soriano é artista visual e investigadora. A súa principal liña de investigación involucra procesos artísticos mediante os que crear obras dende perspectivas diversas: sociais, antropolóxicas, filosóficas ou materiais. As diferentes etapas da produción, dende a observación e selección ata a materialización dos proxectos, son fundamentais tanto no seu traballo teórico como práctico.

 

Andrea Popyordanova é artista e deseñadora gráfica, graduada en Comunicación Visual polo Royal College of Art de Londres. Na súa obra, explora os xeitos nos que vivimos e afectamos á nosa contorna, os nosos vínculos coa terra e as historias do pasado e como moldeamos constantemente a paisaxe, á vez que somos transformados por ela.

A residencia artística de Common Grounds finaliza o seu paso por Bulgaria

A residencia artística de Common Grounds chega a Galicia

O proxecto Common Grounds busca artistas para as súas residencias en Galicia, Francia e Bulgaria