Dinamización da aldea de Muimenta
Os incendios de 2017 marcaron un punto de inflexión para Carballeda de Avia na abordaxe dos retos aos que se enfrontan as áreas rurais, como o despoboamento e o abandono da terra produtiva. Neste contexto, a integración de Muimenta na estratexia de Aldeas Modelo puxo en marcha este proceso de planificación estratéxica baseado na participación e accións piloto, coa vontade de construír un caso replicable para a activación territorial.
Estratexia de dinamización da Aldea Modelo
Fundación RIA, Concello de Carballeda de Avia, Xunta de Galicia
Centro social
Fundación RIA, Concello de Carballeda de Avia, Fundación MOP, COAG, Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Deputación de Ourense
Outras actuacións
Fundación RIA, Concello de Carballeda de Avia, AGADER
Ano
2020–
Localización
Muimenta, Carballeda de Avia, Ourense
A estratexia de dinamización de Muimenta é un proceso integral de intervención territorial orientado a reactivar a base produtiva, residencial e comunitaria da aldea. Impulsado en 2020 polo Concello de Carballeda de Avia e a Fundación RIA no marco das Aldeas Modelo da Xunta de Galicia, este proceso aspira a construír un modelo capaz de afrontar de maneira conxunta a prevención de incendios, a reactivación económica e a xeración de novas oportunidades de vida no rural.
Muimenta sitúase no Ribeiro, unha comarca cun alto valor territorial asociado á súa paisaxe agraria, o seu patrimonio cultural e os seus sistemas produtivos tradicionais, especialmente recoñecida pola súa tradición vitivinícola. Malia ser unha comarca activa, enfróntase a dinámicas estruturais comúns a outras áreas rurais, como o despoboamento, o envellecemento e o abandono da terra agraria, que acrecentan o risco de lumes forestais.
Tras a vaga de lumes de 2017 que afectou de forma xeneralizada a Galicia e puxo de manifesto a vulnerabilidade do territorio fronte aos incendios forestais, a Xunta de Galicia impulsou a Lei de recuperación da terra agraria, incorporando entre os seus instrumentos a figura das Aldeas Modelo, orientada á recuperación de terras agrarias e á prevención de incendios. Un dos incendios dese ano afectou gravemente a Muimenta, danando de maneira significativa a superficie produtiva e as vivendas da contorna, o que marcou un punto de inflexión para o Concello de Carballeda de Avia e a súa veciñanza. Como consecuencia, Muimenta foi declarada Aldea Modelo en 2019. Un ano despois, a Fundación RIA iniciou a redacción da estratexia de dinamización da aldea, dando comezo a unha relación continuada e estreita coa aldea e os seus axentes.
Desde entón, Muimenta funciona como un ámbito piloto no que se ensaian novas formas de intervención no rural, orientado á dinamización económica e a mellora da contorna construída. Baseadas na participación e a planificación estratéxica, as actuacións desenvolvidas —desde a rehabilitación de vivenda e espazo público ata a creación de novos equipamentos—contribúen a consolidar unha estrutura territorial máis resiliente e activa na comarca, que poida ser replicable noutros territorios.
Participación, planificación e múltiples actuacións
A estratexia de dinamización de Muimenta enténdese como unha folla de ruta a longo prazo para a activación da aldea, co obxectivo de analizar e priorizar as intervencións necesarias para a súa revitalización. A partir dunha análise multiescalar do territorio, articúlase unha estratexia orientada á acción que integra de maneira activa os distintos axentes implicados na aldea. Este enfoque reforza a continuidade do proxecto, a súa capacidade de gobernanza e a coherencia coas políticas públicas vixentes.
Nos últimos anos, esta estratexia materializouse nun conxunto de actuacións progresivas apoiadas nunha rede de equipamentos e espazos públicos, que funcionan como soporte para a vida comunitaria e para o desenvolvemento das novas dinámicas da aldea. A través do estudo das necesidades da aldea e cunha visión estratéxica, leváronse a cabo diversas actuacións de mellora, financiadas a través das axudas anuais de AGADER para as aldeas modelo.
A reforma da praza da Festa recuperou un espazo central para a veciñanza, e o impulso dunha cociña comunitaria con comedor asociado permitiu crear un equipamento vinculado aos coidados, á atención de persoas maiores, ao tempo que ofrece un espazo para actividades formativas e iniciativas comunitarias vinculado coas áreas produtivas agrarias.
Ademais, a rehabilitación dunha vivenda para aloxamento público, proxectada por PLP Atelier e recoñecida nos Premios Gran de Area 2025 do COAG, explora a recuperación de edificacións baleiras para acoller estadías temporais, facilitando que novos habitantes ou proxectos vinculados ao territorio poidan atopar un lugar desde o que achegarse, permanecer e participar na vida da aldea.
Un centro social para a activación comunitaria e produtiva
No proceso de análise da aldea identificouse unha antiga vivenda en estado de ruína, en desuso durante décadas e afectada polo incendio de 2017, como oportunidade para a creación dun novo equipamento municipal. A incorporación de novas entidades ao proceso permitiu impulsar unha nova intervención na aldea, co obxectivo de recuperar patrimonio construído e dotar ao concello dun espazo de uso colectivo capaz de activar novas dinámicas sociais.
Para o seu desenvolvemento impulsouse un concurso de arquitectura promovido polo Concello de Carballeda de Avia, coordinado pola Fundación RIA e co apoio económico da Fundación MOP e o soporte administrativo do COAG.
O programa funcional elaborado pola Fundación RIA propón un espazo flexible destinado a acoller reunións veciñais, actividades culturais e formativas, así como usos vinculados aos coidados, ao emprendemento e á implantación de novas actividades económicas, contribuíndo á fixación de poboación e chegada de novos habitantes.
A proposta gañadora, seleccionada entre unha trintena de candidaturas, foi desenvolvida por Daniel Gómez Magide, Eduardo Dipre Mazza e Miguel Ángel Díaz González, e destaca pola súa integración respectuosa coa contorna e pola adaptación á topografía da parcela.
O coliving como ferramenta de dinamización
Un dos principais retos para a chegada de nova poboación ás aldeas rurais é a dificultade de acceso á vivenda. En Muimenta, como noutros núcleos do rural galego, existe un gran número de edificacións baleiras, en estado de ruína ou con situacións de propiedade complexas que limitan a incorporación de novos habitantes e o desenvolvemento de proxectos vinculados ao territorio.
Neste contexto, a rehabilitación dunha vivenda para aloxamento público supón unha actuación clave dentro da estratexia de revitalización da aldea, facendo posible dispoñer dunha infraestrutura habitacional desde a que facilitar procesos de chegada, permanencia e participación na vida comunitaria. A recuperación desta edificación permite, ao mesmo tempo, explorar modelos de reutilización do patrimonio construído capaces de responder ás necesidades contemporáneas do medio rural.
A partir desta actuación introdúcese o coliving rural como unha ferramenta de activación e dinamización territorial. A combinación dunha estadía permanente con outras temporais permite promover a fixación de poboación, atraer novos perfís profesionais e impulsar iniciativas vinculadas ao emprendemento, os coidados, a cultura ou a innovación territorial.
A través de programas piloto, residencias temporais e actividades abertas á comunidade, este modelo permite ensaiar novas formas de habitar e traballar no rural, reforzando a vida comunitaria e contribuíndo á fixación de poboación activa.
Un laboratorio de investigación
Ao longo dos anos, Muimenta estase a consolidar como un espazo de investigación e experimentación arredor dos retos do rural contemporáneo, onde as accións de dinamización social e académica forman parte dunha mesma estratexia de activación territorial.
As actividades impulsadas no marco do proxecto teñen un carácter participativo e buscan xerar un retorno directo sobre a aldea. A inauguración da cociña comunitaria organizouse como un encontro aberto coa veciñanza, produtoras e representantes municipais, conducido pola cociñeira e investigadora Blanca del Noval xunto coa Fundación RIA, para activar o novo equipamento a través da posta en valor dos saberes locais, os produtos da contorna e a relación da aldea coa súa rede agraria. Do mesmo xeito, arredor do concurso do novo centro social desenvolveuse un programa de conversas, actividades públicas e exposicións para compartir o traballo realizado e abrir espazos de encontro.
A colaboración académica xoga un papel fundamental neste proceso de revitalización. A Fundación RIA promove Muimenta como un laboratorio vivo onde estudantes e persoal investigador poden aplicar coñecementos e desenvolver proxectos de investigación vinculados ao territorio. Este labor de conexión con institucións académicas busca promover o coñecemento aplicado, mellorar as competencias do alumnado e utilizar os exercicios académicos como unha ferramenta para abordar os retos rurais.
Ao longo destes anos, Muimenta xa recibiu cursos, obradoiros e investigacións desenvolvidas en colaboración con institucións como a Universidad de Navarra, o Politecnico di Torino, a Faculdade de Arquitectura da Universidade do Porto ou a University of East London, entre outras.