1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

O rol da arquitectura. Repensando os límites da profesión

Fundación RIA

Fundación RIA
Marzo de 2024

Publicado en Crítica Urbana

En liña cos esforzos globais por abordar as cuestións urxentes do cambio climático e coa vocación de promover o debate sobre o territorio e a calidade de vida, a Fundación RIA nace como mediador para levar a cabo unha reflexión colectiva que conecte as cuestións locais cos retos globais, a través da análise e a planificación territorial estratéxica.

Un dos retos aos que se enfrontan as vilas e cidades é o de controlar a calidade do seu desenvolvemento urbanístico, de forma que se protexa e mellore a súa propia identidade física e o seu carácter local. Nese sentido, non resulta alleo a ningún galego que durante os últimos 40 anos os núcleos urbanos de Galicia sufriron unha forte perda de identidade, como consecuencia dun crecemento pouco controlado e a demolición indiscriminada de edificios antigos.

Este feito tamén lle chamou a atención a David Chipperfield. Aqueles valores que, por invitación do arquitecto Manuel Gallego, o atraeran a este lugar nos anos 90, víanse degradados por diferentes procesos que ían distorsionando a razón de ser da estrutura territorial de Galicia.

Atendendo a esas preocupacións comeza esta iniciativa persoal de David Chipperfield. A investigación parte desde o mundo da arquitectura e o urbanismo, cun pequeno grupo de arquitectos novos e locais poñendo o foco nas contornas urbanas degradadas e nos desenvolvementos urbanísticos fora de escala e de lugar en Galicia.

Esas primeiras reflexións xa apuntaban a unha escasa e torpe planificación, sobre todo relacionada coa insuficiente protección do patrimonio e coa proliferación de novos desenvolvementos urbanísticos que tiñan un gran impacto sobre a identidade do lugar e as contornas naturais. Inevitablemente, o estudo destas cuestións deixou patente a necesidade de ampliar as perspectivas, abordando unha reflexión máis completa relacionada co territorio e redirixindo a atención ás infraestruturas, a mobilidade, a paisaxe produtiva e á importancia do traballo interdisciplinar na profesión.

No ano 2017, RIA establécese formalmente como fundación, coa vontade de dar resposta a esa necesidade de análise no ámbito territorial e urbanístico que permita tanto ás administracións públicas como aos axentes privados e universidades promover unha planificación estratéxica efectiva que sexa coherente e sensible cos valores identitarios do lugar.

Galicia como living lab
Estas cuestións que aborda RIA non son nin exclusivas de Galicia nin alleas a calquera outro proceso de desenvolvemento que ocorre noutras cidades e vilas europeas.

A precarización da planificación debilita as súas estruturas ante as forzas da inversión privada, desvirtuando a súa función de primar o ben común. En rexións sen unha economía forte e sen unha gran presión inversora—como é o caso de Galicia—estas estruturas vólvense dependentes e ansiosas por facilitar o desenvolvemento, relaxando as súas restricións e permitindo impactos negativos nas contornas construídas e naturais, a miúdo de xeito irreversible. Por outro lado, en lugares nos que a inversión loita por atopar un sitio—como é o caso de Londres e outras grandes cidades—as estruturas de planificación débiles non teñen a capacidade de manterse firmes, sendo estas forzas inversoras as que acaban liderando a toma de decisións e a construción das nosas contornas.

No caso de Galicia, ademais, a presenza explícita da natureza e a súa importancia económica e cultural no territorio fan que estes erros e carencias nos procesos de planificación queden expostos dun xeito aínda máis evidente.

Identidade local e patrimonio
A frase “imos á rúa”, tan arraigada na cultura popular, entende a rúa como destino, como o lugar común no que estar, no que encontrarse con outras persoas, no que xogar ou mercar. Como espazo público, a rúa desenvolve un rol central na configuración da identidade das vilas e das persoas que nelas habitan.

É cando prevalece a de dar cabida ao tráfico de vehículos, que a rúa se converte nunha estrada. Xunto coa mala calidade e a escala descontrolada das novas construcións, o factor que máis erosionou a integridade estética e social de tantas cidades foi a influencia do automóbil na configuración do espazo público.

RIA fai fronte a estes retos desde hai tres anos no marco dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), traballando na integración urbana da estrada AC305, que articula os núcleos da costa norte da ría de Arousa. A través de cinco actuacións coordinadas baseadas en medidas como a redución da velocidade do tráfico, a disposición dunha maior superficie para os peóns, a introdución de arborado ou a mellora da accesibilidade aspírase a devolver o carácter de rúa ao que foi transformado nunha estrada.

Traballo na primeira liña
O equipo da Fundación RIA traballa desde o seu inicio en estreita colaboración coa comunidade local para coñecer a fondo as súas preocupacións e intereses. Este contacto continuo coas comunidades de montes, a veciñanza e o resto de sectores e axentes locais que interveñen no territorio permiten deseñar procesos sólidos que facilitan unha mellor identificación e avaliación dos problemas a distintas escalas. A mostra máis evidente desta forma de traballar vese no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto promovido en 2020 pola Fundación RIA en colaboración coa Universidade de Santiago e a Fundación Banco Santander.

Este proxecto fixo posible constatar a importancia da implicación das comunidades no manexo territorial e a protección dos ecosistemas a través do aproveitamento sustentable dos seus recursos. Neste proceso, a fundación levou a cabo o acompañamento da toma de decisións coordinadas por parte das comunidades, promovendo un enfoque bottom-up.

Do pasado e presente das comunidades rurais do Barbanza extráense múltiples leccións de aproveitamento sustentable do territorio que se converten nas claves para o futuro. A través desa investigación, recuperando a memoria viva do lugar, identificáronse conceptos tan de actualidade como a circularidade, a proximidade, a xestión comunitaria ou a diversificación.

Facer unha boa pregunta permite obter boas respostas
Moitas das decisións que condicionan estes principios de sustentabilidade xa están tomadas cando un estudio de arquitectura recibe un proxecto. Cuestións que condicionan a localización, os límites, a escala ou o programa arquitectónico quedan habitualmente fóra do encargo, limitando a capacidade de resposta dos equipos de deseño.

En relación con este tema, a fundación ven de traballar con varias institucións de alto nivel nos procesos de análise, diagnose, planificación e definición de proxectos de iniciativa pública. En primeiro lugar, acompañando ao Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC no proceso de planificación da súa nova sede que se trasladará a antiga área militar da ETEA, en Vigo. A través de entrevistas e análises cos seus grupos de investigacións, definiuse un programa que permitise atender ás súas necesidades. Do mesmo xeito, unha análise exhaustiva no lugar de implantación permitiu definir os criterios de asentamento dese novo edificio, tendo en conta as capacidades orzamentarias e loxísticas que podía ter o CSIC. Con este traballo elaboráronse as bases dun concurso que se resolveu este mesmo ano.

Dun xeito semellante, a fundación colaborou coa Consellería de Medio Rural para desenvolver unha reflexión máis ampla á hora de abordar a rehabilitación do pazo e finca de Lourizán, en Pontevedra, relanzando este complexo como referente da industria forestal. Tras un traballo de análise das necesidades estruturouse un novo programa funcional, que serviu como base e permitiu organizar un concurso de arquitectura.

Nestes procesos, RIA establécese como unha ferramenta para facer preguntas—preguntas máis reflexionadas, analizadas, coordinadas, consensuadas e multidisciplinares—para establecer as bases sobre as que elaborar as respostas—os proxectos—.

Cara a unha axenda territorial de Galicia
Conscientes da necesidade de facer unha reflexión máis ampla e transversal do territorio e as estruturas de planificación que incorporase unha gran diversidade de axentes, RIA promoveu no último ano ‘Cara a unha axenda territorial de Galicia’, un proceso transversal de participación e planificación estratéxica.

A Fundación RIA—con estas relacións en diversas escalas e sectores e tras traballar en ámbitos que abranguen a primeira liña de acción de base, pero tamén aquela estratéxica nos órganos de decisións—preséntase como unha entidade que pode coordinar un proceso de participación de diferentes axentes que defina cales son aqueles principios que deben guiar o desenvolvemento sustentable de Galicia na próxima década.

Esta iniciativa baséase nunha primeira análise que tratou de explorar aquelas estratexias que foron definindo a maneira de actuar en Galicia e que poñen de manifesto este enfoque tan sectorial e dividido que ten a planificación. O proceso trata de incorporar—a través de mesas redondas, conferencias e análises—todas aquelas visións e tratar de coordinar unha misión común a través de puntos de consenso que permita desenvolver políticas, estratexias e plans para o futuro sustentable de Galicia. No próximo ano, este proceso enriquecerase integrando o coñecemento internacional a través de ciclos de conferencias e mesas de debate que fomenten o diálogo cos expertos locais.

Un espazo dinámico para a reflexión sobre o territorio
A apertura de Casa RIA marca o inicio dunha nova etapa para a fundación. Este edificio no centro de Santiago será a sede da Fundación RIA, unha casa aberta coa vocación de ser un novo punto de encontro no que continuar o diálogo e a investigación multidisciplinares sobre o desenvolvemento sustentable.

Este edificio, de vontade pública e aberta, contará con espazos expositivos, de conferencias e instalacións para residencias de investigación académica, que non só permitirán ampliar as actividades de investigación e planificación da fundación, senón tamén desenvolver un programa público de en torno a esta misión. Unha cantina dará soporte a esta programación, conectando o traballo e valores da fundación co territorio e o mercado de abastos. Este espazo gastronómico estará enfocado nos produtos locais e de temporada, como símbolo da importancia da produción e comercialización de alimentos en Galicia.

Casa RIA aspira a ser o catalizador de novas colaboracións, un espazo no que desenvolver procesos participativos entre os diferentes axentes da sociedade, no que establecer conexións con expertos internacionais e no que conceder un altofalante para proxectar fóra de Galicia as iniciativas locais motivadas por intereses compartidos na comunidade e no medio ambiente.